14/11/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
José Luis Gómez: "Estamos nun país, se se lle pode chamar así, onde os medios en galego NON importan"
O ciclo de conferencias "Os medios en galego, importan?" trae á facultade de Xornalismo a profesionais que falan da crise dos medios en Galicia e en galego.
"Os medios en galego, importan?", Durante
tres dias, dende o pasado martes ata hoxe, xoves, a
facultade de Xornalismo da USC reúne a diversos e
recoñecidos profesionais e investigadores da prensa
e os medios de comunicación nunhas xornadas
tituladas signicativamente "Os medios en galego,
importan?" Organizadas pola Comisión de
Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias
da Comunicación a proposta da Liga Estudantil
Galega, quere reflexionar e debater sobre o pasado,
presente e futuro da comunicación realizada en
lingua galega no actual contexto de crise económica
e política, e do uso da lingua propia nos medios
galegos.
"Estamos nun país, se se lle pode chamar así, no
que os medios en galego NON importan", comezou así
de contundente o seu relatorio José Luís Gómez,
xornalista e ex director de Xornal de Galicia e La
Voz de Galicia, "porque non existe un só xornal
diario na nosa lingua". "Estamos peor que con
Franco, e non digamos xa peor que na Transición ou
cós bipartito e tripartito, tan denostados para
outras cousas", enfatizou Gómez.
O prestixioso xornalista tirou da ironía durante
toda a intervención e comparou o ecosistema
mediático galego co de outras linguas minorizadas
ou sen Estado, como o catalán, onde "ata os grandes
medios, aínda en español, como El Periódico ou La
Vanguardia, pasaron pola pedra do catalán". Cando
traballaba no Grupo Z, lembraba que os seus
compañeiros lle recordaban a "sorte" que tiña de
falar e posuír aquel idioma, que "entendían e
falaban tantos millóns de persoas", momento que
aproveitou para sinalar o fondo desprezo que, na
súa opinión, fan os galegos das posibilidades do
idioma e a relación co sistema lingüístico
lusófono. "Para afirmar que os medios en galego
importan, teriamos que ser un país orgulloso de ser
país, e non digo de xeito partidario", senón dende
todas as ideoloxías, "como en Catalunya". Criticou
entón a pasividade da sociedade e a neglixencia das
autoridades, posto que, segundo Gómez, tamén a
saúde da lingua e do sistema mediático é unha
decisión política, posto que "da política dependen
todas as grandes cousas".
Unha das razóns da crise de uso do galego en
Galicia é o feito de sermos "un país pequeno, cunha
poboación envellecida, e cunha importante sangría
demográfica, emigrante", e pola nosa escasa
conciencia de "país", que nos fai "menosprezar" a
nosa lingua, polo que non poderiamos competir co
castelán, "lingua emerxente", a pesar de que son
preto de 200 millóns os falantes do noso sistema
lingüístico, incidiu.
O ex-director de Xornal.com, primeiro dixital en
galego, xa desaparecido como o Xornal en papel,
reflexionou, xunto a Emma Torres, profesora da
Universidade de Vigo, arredor da "viabilidade
comercial da imprensa en galego" baixo un punto de
vista "económico e identitario". José Luís Gómez
apuntou cara a un "sistema de subvencións
perverso", que provoca que haxa "fondos de
normalización lingüística en Galicia dirixidos a
medios de comunicación en español". Emma Torres,
pola súa parte, fixo referencia ao negocio
publicitario en Galicia, e lembrou que a perda de
capacidade económica dos xornais débese basicamente
á perda de insercións publicitarias. Respecto do
papel da lingua galega no eido publicitario, a
docente da Universidade de Vigo considera que a súa
normalización "é parella á dos medios", polo que de
momento, a súa presenza en campañas publicitarias é
exclusivamente "unha estratexia de posicionamento",
como poden ser as de R ou Gadis.
"A publicidade en Internet é escasa e está moi
controlada", denunciou pola súa banda Gómez,
"porque a domina Google, coa súa filial Ad Senses".
E apostilou que non se pode falar de "mercado
publicitario en galego porque non existe".
Prognosticou que, nun futuro, a evolución das dúas
curvas, a da situación económica nos medios e a do
consumo de xornais na Rede, converxerían, crecendo
xuntos, mais ese panorama positivo necesita aínda
está moi lonxe, e non é cousa de "dous ou tres
anos"."Claro que é posíbel conquistar o futuro, con
criterio, con vontade, e facendo as cousas ben",
concluíu, antes de someterse ás preguntas e
reflexións dos ansiosos estudantes de Xornalismo, e
de ironizar coas "operacións políticas", das que el
non soubo nunca "nada", mais lle costaron o seu
posto á fronte do diario, e a Xornal a súa
desaparición.
Dentro da mesma vertente económica e comercial,
Óscar Juanatey, da Universidade da Coruña, e Miguel
Túñez, da Universidade de Santiago de Compostela
(USC) reflexionaron arredor da "difusión e lectura
real da prensa en Galicia", con especial atención
do último á lectura de prensa en galego. Juanatey
falou de "datos pouco precisos", mais "evidencias
moi claras lamentablemente", como son o peche no
último ano de todos os xornais dixitais e en papel:
"Xornal, Galicia Hoxe, Vieiros, A Nosa Terra e
Galiza Nación". Sinalou que "o futuro está na
rede", con datos como o do 93% de usuarios de
Internet que o empregan para ler noticias, o 60%,
que emprega ambos soportes, a inmediatez, a
actualización que brinda, a fácil accesibilidade, a
contrastación e participación que permiten, e só un
inconveniente: menos de 1% pagan por esas novas,
polo que deixou no ar unha solución para
"monetarizar ese acceso gratuíto", que se perfilou
como o gran reto e enigma para facer viable o
traballo xornalistico de calidade. "Cómpre un novo
modelo de negocio", sentenciou, "e a
hiperlocalización de contidos (informar sobre o
contorno máis próximo ao lector, de forma
persoalizada) pode desempeñar un papel clave".
Pola súa banda, Miguel Túñez apostou por realizar
unha análise máis aló do habitual "comentario
numérico, xa que cando se fala do galego nos
medios, tendemos a ter unha actitude puramente
descritiva e o que hai que ter é unha visión
realista, desprovista de romanticismos, e cun punto
de provocación", para engadir que "os medios son
empresas, e como tales, só producen produtos para
ser vendidos a unha audiencia".
O membro do Consello da Cultura Galego criticou que
"os lectores, e tampouco os mozos, piden
reactivamente, o galego nos produtos que demandan",
posto que "os galegos non asumimos a lingua como un
criterio co que avaliar os niveis de calidade dun
produto xornalístico". Só así, asegurou, a imprensa
en galego deixará de utilizarse como un
"complemento secundario e reducido a determinado
tipo de informacións". Antes de todo iso,
inauguraran as xornadas o reitor, Casares Long, o
decano da facultade, José Pereira, e o secretario
xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso
Cabaleiro, que rexeitou a instancias do rector dar
a súa comunicación "Axudas Institucionais á Prensa
en Galicia", por falar xa no acto de apertura, o
que provocou a sorpresa e a indignación de máis dun
asistente.
Tamén provocou o abraio da profesora María Isabel
Fernández, da Universitat Autónoma de Barcelona,
que ofreceu os seus datos do Observatorio de Medios
de Catalunya (do que é directora) para trazar un
completa e exhaustiva radiografía do sistema de
medios catalán, e as axudas institucionais
recibidas ao longo do período democrático a través
das diversas etapas políticas. A profesora asegurou
que as políticas de comunicación xogaron un papel
central neste proceso, sendo unha "prioridade
política para todos os partidos que pasaron polo
goberno da Generalitat, especialmente no impulso da
radio e a televisión públicas".
Por último, pecharon a primeira xornada
representantes dos "novos proxectos de prensa en
galego", concretamente Sermos Galiza, Praza Pública
e Tempos Dixital.
Olalla Rodil e Xosé Ramón Freixeiro, membros do
grupo promotor de Sermos Galiza, presentárono como
"un proxecto que nace á inversa, xurdido da
sociedade á espera que esta o faga propio" co
obxectivo de "rachar co silenzo mediático ao que os
medios convencionais nos teñen acostumados". Para
iso pretenden contar con máis de 3.000 subscritores
que fagan viable a creación dun xornal diario na
rede e un semanario en papel, e a constitución dun
capital social suficiente para poñelo en marcha, do
que xa levan a metade. "Non temos a vocación de
sermos xornalistas", recalcaron, "senón de
desaparecer canto antes", para que xa non sexa
necesario adoptar iniciativas como esta para ter
que "normalizar" o uso do galego nos medios.
Marcos Pérez Pena, de Praza Pública, definiuno como
"un medio dixital, en galego e de calidade" ante a
"falta de voces e espazos mediáticos nos medios en
galego". "Non queremos repetir en galego o que xa
fixeron outros, queremos ofrecer algo distinto",
explicou, e para iso é moi importante o deseño da
interfaz, que encargaron ao grupo A navalla suíza,
e a disposición innovadora dos contidos, da que
amosou unha proba en papel. Segundo Pérez Pena,
Praza Pública aproveitará todas as posibilidades
da rede, tratando poucos temas pero en profundidade
e empregando todos os xéneros. Este novo medio
constituirase como un medio dixital con publicidade
e que se sustentará co apoio económico dos
lectores, a través de "microachegas".
Finalmente, o coordinador de Tempos Dixital, Denís
Fernández, sinalou que o obxectivo da publicación é
xerar contidos achegados a un público novo, "xa que
a revista ten unha audiencia de máis idade". Nesta
dinámica as redes sociais contarán cun papel
prioritario na estratexia do medio, posto que a
maior parte das visitas que recibiron ata o de
agora xeráronse a través de Facebook e Twitter.
"Estamos tentando abrirnos a máis público, con
seccións como Opinión ou Deportes", ademais dos xa
habituais de Activismo e Sociedade, ou Política. A
subscrición é unha das fontes de ingresos
"fundamentais", posto que "non hai outra forma de
facer bo xornalismo", e sinalou que "non por
contalo antes, se conta mellor", apuntando ao tipo
de xornalismo que queren facer, reflexivo e en
profundidade. Desde Praza Pública e Tempos Dixital
non se descartou a idea de poder chegar a compartir
accións comerciais, correlacionar contidos e
asociarse, pois "non é o mesmo vender un produto
que len 25.000 lectores que un paquete que poidan
ler máis", asegurou Denís Fernández.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript