14/11/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Colaboracións

 

 

Máis colaboracións.

 


En que se poden gastar 5.000€ nunha campaña a Reitor
Todos/as recibimos un correo dun dos candidatos no que sinalaba a súa renuncia a utilizar o orzamento a disposición de cada un dos candidatos para a campaña a Reitor. Esta renuncia fíxome pensar. En que se poden gastar eses cartos?. A páxina web ten un custo ínfimo, quedan polo tanto, e sobre todo, carteis e panfletos. Esa cantidade de cartos xa poden dar para facer esa campaña, non quero gabar a postura do candidato que, neste caso renuncia, ideoloxicamente sitúome moi lonxe da súa idea de Universidade e da sociedade que desde esta institución se debe propiciar, paréceme incluso que pode ser un acto de electoralismo propio da campaña, pero sigo sen entender en que se pode gastar tanto diñeiro nunha campaña de tan baixo espectro.

 

Espremer os bolseiros precarios
Hai uns días anunciaban a bombo e prato que os que traballaramos como bolseiros agora poderiamos contar con dous deses anos de cara á xubilación (por certo, na UDC non se puxo en marcha o proceso de cotización). Toda unha concesión que debería alegrar a vida de entre 100.000 e 200.000 persoas.
Parece un favor e, non obstante, é a continuación dun abuso. Moitas desas persoas cobrabamos en 2003 uns 600 euros. As institucións públicas e algunhas empresas sabían que iso era máis barato que os máis de  1.000 euros que podería custar contratarnos. Non lles importaba que non tivésemos ningún tipo de dereito. Escusábanse dicindo que estabamos a aprender. Agora dinme que se quero que dous deses anos conten teño que pagar 120 euros por cada un deses 24 meses. Polos que gozan dunha bolsa agora mesmo pagaranse 48 euros, 6 euros o bolseiro e 42 euros a empresa ou institución que os contrate. Eu pagarei 20 veces máis. Naquela época, sobrevivín cos meus 700 euros, pero agora decátome de que non foi así, que realmente cobraba 605. O que a túa empresa non pagou, téñoo que pagar eu agora. As arcas do Estado ingresarán 120 millóns de euros anuais con estas medidas. Se hai que espremer alguén por que non recorrer a quen xa sabe como soportalo.

 

A filosofía actual e a súa incompatibilidade coa ética
Tras a lectura dun artigo para iniciados acerca do funcionamento da ameazadora e temida prima de risco, un extrae a conclusión de que os obxectivos e intereses dos mercados son alleos á calidade de vida da cidadanía, distantes e impasibles ante a miseria e o sufrimento... É dicir, parece que nas súas bibliotecas non hai manuais de códigos éticos nin obras que falen dos valores humanos. E, no caso de non ter entendido nada do lido, como comprender que os intereses cobrados polos investidores sexan máis gravosos para os países que máis dificultades económicas atravesan? Dende a óptica dun sistema político e económico baseado no progreso e desenvolvemento do benestar social no mundo, é acertado poñerllo máis difícil aos que menos teñen? Levado ao terreo do cidadán, é algo así como negar as bolsas aos estudantes con menos recursos. Se para alcanzar metas políticas non é válido o principio de que o fin xustifica os medios, é aceptable para obter beneficios económicos? Coa filosofía actual dos mercados, é factible que diminúan as enormes desigualdades sociais? Existe vontade e interese niso?.


A dilapidación de diñeiro público non é delito, segundo a fiscalía
"A dilapidación non é delito", argumenta o fiscal do caso sobre o pagamento por parte da Generalitat valenciana o arquitecto Santiago Calatrava de 15 millóns de euros por un proxecto inviable material, económica e arquitectonicamente.
Sen ningunha dúbida, a dilapidación na túa propia casa e co teu propio diñeiro non é delito. Pero o fiscal non repara en que a dilapidación do diñeiro dos demais, notoria, ostentosa e gratuíta, se asemella bastante á malversación do diñeiro doutros. Se enriba o fai unha institución pública librando fondos dos cidadáns a un paraíso fiscal, onde se perde o final dos fluxos financeiros, entón parece máis sospeitoso aínda. Ou non?
Dende logo non se pode incriminar a ninguén con certa incerteza sobre a súa culpabilidade, pero o escurantismo é un delito capital e doloso en política, ou debería selo. Se a dilapidación non é un delito penalmente punible, debería selo, sobre todo se o diñeiro procede dos contribuíntes. Non será un delito penal, pero si é un delito político.





 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript