14/11/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
O sector financeiro propón un gran ´ banco malo ´ público que asuma o ladrillo
A cuadratura do círculo, a banca despois de empregar o capital ingresado polo “goberno amigo” en repartir beneficios cando realmente está podrida polos activos tóxicos procedentes do ladrillo, reclama agora a creación dun banco público que absorba eses activos quitándolle “o marrón” de enriba. A política está clara, privatizar as ganancias e socializar as perdas.
Varias entidades financeiras volveron
formular ao Banco de España, ao Goberno e ao PP a
creación dun banco malo público no que se incluísen
os activos inmobiliarios problemáticos do sector. O
obxectivo é sanear os seus balances e que volva
fluír o crédito.
A creación dun banco malo por parte do Estado, no
que se inclúan todos ou gran parte dos inmobles,
promocións e chan que bancos e caixas teñen nos
seus balances, non é unha idea nova. Dende que se
iniciou a crise financeira hai catro anos
barallouse esta fórmula como unha solución para
separar dos seus balances a actividade puramente
financeira dos seus activos inmobiliarios, tan
perniciosos para a súa conta de resultados pola súa
elevada morosidade tras a derruba do sector da
construción.
Algúns países europeos, de feito, optaron por esta
vía para sanear os seus bancos, aínda que o
resultado está aínda por demostrar, xa que a banca
europea está abocada a outra ondada de
recapitalizacións. No estado a banca xa pediu crear
un banco malo por parte do Estado hai uns dous
anos, pero o Goberno, e sobre todo o Banco de
España, rexeitaron a idea.
Pero transcorridos case tres anos dende que se
iniciou a crise económica no país, as entidades
financeiras volveron desempolvar este proxecto, ao
non conseguir dar saída aos miles de inmobles que
teñen nos seus balances, mentres que o seu negocio
e conta de resultados se deteriora cada vez máis.
Varias fontes financeiras confirmaron que un número
importante de entidades bancarias volveron impulsar
esta petición ao Banco de España en particular e ao
actual Goberno e ao PP en xeral. Hai case dous
anos, as caixas de aforros xa pediron o ministro de
Fomento, José Blanco, que puxese en marcha a
creación dunha sociedade pública que aglutinase os
inmobles da banca. O proxecto foi rexeitado naquel
momento. Malia el, varios bancos e caixas, entre
eles Bankia (o seu presidente, Rodrigo Rato, é un
dos maiores defensores desta fórmula), volveron
insistir agora nesta idea, dado o derrubamento dos
mercados bolsistas, do sector inmobiliario, a falta
de liquidez e a caída do negocio bancario. Cren que
as circunstancias empeoraron tanto que agora a
constitución do banco malo pode ser a solución máis
factible para o sector, e en consecuencia, para que
volta a fluír o crédito. Aseguran, ademais, que
esta vía sería máis barata para o Estado que
iniciar outra recapitalización pública, xa que o
Goberno podería recuperar os fondos investidos na
compra dos devanditos inmobles e chan, e mesmo
obter plusvalías nun futuro (se isto é un
“negocio”, que o fagan eles).
A solicitude non se fixo oficial, aínda que as
entidades expuxeron o seu proxecto a todos os que
teñen capacidade de influír na súa creación. Malia
iso, esperan realizar unha petición oficial unha
vez se nome ao Goberno que saia das urnas o 20 de
novembro.
A creación dun banco malo realizaríase a través do
Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) e
mesmo do Instituto de Crédito Oficial (ICO). Estas
institucións adquirirían os inmobles, promocións e
chan da banca a un prezo “negociado”.
Os bancos e caixas lograrían así, segundo fontes do
sector, sanear os seus balances, liberarían
provisións e lograrían mellorar a súa
capitalización, á vez que segregarían a súa
actividade financeira da inmobiliaria, con moito
máis risco (trasladándolle ese gasto e o risco ao
estado).
O PP xa se mostrou disposto a aceptar esta
proposta.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript