14/11/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Sanidade ordena aos médicos que sexan máis estritos coas baixas laborais
A Xunta dá instrucións aos facultativos para que vixíen con especial celo os permisos de curta duración. Denuncia unha "percepción indebida e considerable" sobre estas ausencias.
Cerco ás baixas laborais e ao
absentismo laboral. A Consellería de Sanidade
declarou a guerra ás incapacidades temporais de
todos os traballadores en Galicia. Primeiro,
fixouse nos dos servizos sanitarios; logo, en toda
a Administración, ámbitos nos que aplicou un plan
de control para reducir o número de días que o seu
persoal abandonaba os seus postos por motivos
médicos. E partir de xaneiro aplicará estas
directrices a toda a poboación da comunidade.
O departamento de Pilar Farjas lanzará un programa
de inspección e control das baixas laborais para o
próximo ano, consistente en reclamar aos seus
facultativos un maior "autocontrol" á hora de
asinar os partes médicos que permiten ao
traballador ausentarse do seu posto de traballo por
unha incapacidade médica.
A implantación desta estratexia consta nos
presupostos autonómicos para o ano próximo. Neles
sinálase a aplicación dun "programa especial de
inspección e control da incapacidade temporal", que
se aplicará en dous ámbitos: a administración e o
resto de traballadores.
A Xunta vixiará os casos de absentismo no mercado
laboral privado a través do "proceso de
mecanización dos partes de baixa, a formación e
concienciación dos médicos prescriptores e a
información sobre o perfil prescriptor de forma que
poida facer un autocontrol do facultativo médico",
indica nos seus obxectivos para 2012 incluídos nas
contas do Goberno autonómico.
O filtro de Sanidade non é o único para as baixas
médicas. Se ben é o doutor de cabeceira o que asina
o parte que permite a ausencia temporal do seu
posto o traballador enfermo, a inspección da
Seguridade Social intervén cando esta se prolonga
no tempo e se reserva a potestade para dar de alta
o empregado mesmo se existen informes médicos que
avalan a súa doenza.
Por outro lado, os médicos do Sergas recibirán un
directora dende os despachos de Farjas para que
vixíen con especial celo as baixas laborais "de
curta duración", é dicir, que se prolongan menos de
30 días. Sanidade dá instrucións aos facultativos
para reducir estas situacións coa "mellora da
xestión o control dos procesos de incapacidade
temporal na poboación xeral". E é que a Xunta
considera que a poboación comete excesos, polo que
se fixa como obxectivo deste plan diminuír a
percepción indebida" destas ausencias que se
produce "de forma considerable" nestes procesos.
Ademais, Sanidade manterá o plan de control do
absentismo iniciado xa entre os empregados públicos
co obxectivo de "mellorar a taxa de absentismo
tanto en persoal propio da Consellería e o Servizo
Galego de Saúde coma do resto do persoal ao servizo
da Administración pública de Galicia", segundo reza
nas contas para 2012. Este resultado lograrase
través de "adecuar as indicacións da prestación ás
necesidades clínicas reais e aproximar os seus
indicadores aos tempos estándar", é dicir, pechando
a man non só á firma de partes de incapacidades
temporais, senón tamén á duración destas. Os tempos
estándar son a duración xenérica dunha baixa que o
Goberno central estima en función da doenza a que
se refiren. A maior parte supoñen catro días, pero
no catálogo do Ministerio de Traballo existen
numerosas sorpresas, pois neste grupo de catro días
de repouso se inclúen diarreas, intoxicacións
alimentarias, síndrome de dependencia do alcohol ou
esgotamento.
O ano pasado, Sanidade puxo en marcha un plan de
control do absentismo entre os seus traballadores.
Con el, logrou rebaixar as baixas laborais en 200
partes ao día, se ben os datos do departamento de
Piar Farjas comparan as 1.880 ausencias por
enfermidade cada xornada coas 2.084 do ano 2008.
Este plan, indica, logrou aforrar seis millóns de
euros ao ano.
As "tensións de liquidez" que vive a Administración
obrigan máis que nunca a controlar cada euro de
gasto público, especialmente en materia sanitaria.
A Consellería de Sanidade prevé dúas estratexias
para o próximo ano nesta liña. No primeiro caso,
lanzará un programa de "detección de asistencia
sanitaria con terceiros obrigados ao pagamento", o
que significa que os médicos deberán vixiar se
poñen atención a pacientes cubertos polo sistema
público ou por seguros privados. Neste caso, a
detección permitiralles "facilitar a súa
facturación" por parte do Sergas.
E é que a Xunta dixo basta a unha práctica común:
que cidadáns con seguro privado se beneficien de
forma gratuíta do sistema sanitario público. De
feito, este ano detectou 7.000 funcionarios con
dobre cobertura e agora deberán elixir entre
cotizar a sanidade pública ou Muface (Mutualidade
de Funcionarios Civís do Estado), o que aforrará
cinco millóns, segundo a Administración. Neste
caso, cada vez que acudan a un centro, ben a unha
consulta ben a someterse a unha proba, o Sergas
facturará o servizo á aseguradora privada.
Nesta liña enmárcanse outras medidas previstas na
lei de acompañamento dos presupostos, como o
cobramento de 10 euros pola renovación da tarxeta
sanitaria en caso de extravío, deterioración ou
primeira expedición ou a esixencia de polo menos
seis meses de empadroamento aos inmigrantes para
que poidan ser atendidos de xeito gratuíto nos
centros sanitarios públicos da comunidade. Sanidade
tamén quere aplicar a tesoira no seu cadro
directivo. Nos presupostos indica que aplicará
medidas para "reducir e simplificar a estrutura
administrativa" do seu cadro directivo "en número
de postos e custos", e calcula esta rebaixa en 3,2
millóns, o 10% dos 32,3 millóns destinados a
"dirección e servizos xerais de Sanidade".
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript