07/11/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
A Xunta bloquea os contratos para cubrir baixas laborais na metade de consellerías
O Goberno só poderá realizar substitucións temporais en escolas, centros sociais e sanitarios, xustiza, urxencias e servizos contra incendios. Ao resto de áreas non accederán os interinos.
Para moitos dos 226.000 galegos sen emprego,
as substitucións de persoal de baixa temporal na
Administración constitúen unha esperanza de lograr
un posto durante un tempo. Pero no afán de
“controlar o gasto” en persoal a Xunta decidiu
bloquear estes contratos. O ano que vén, o Goberno
galego conxelará as contratacións de interinos e de
persoal laboral temporal na metade das súas dez
consellerías e en todos os postos de carácter
administrativo.
O intento de fomentar a actividade económica choca
cuns orzamentos para o ano que vén que regresan ao
nivel de 2006 e que pechan a porta ás chamadas
listas de interinos. "Durante o ano 2012 non se
procederá á contratación de novo persoal laboral
temporal nin ao nomeamento de persoal estatutario
temporal, nin ao nomeamento de persoal funcionario
interino", indican os orzamentos para o próximo
exercicio, seguindo a senda de contención de gasto
marcada o ano pasado.
A Xunta exclúe destas restricións as áreas sociais,
xustiza e urxencias. No primeiro caso, permitirá as
substitucións nos centros de ensino, tanto de
profesores como de persoal non docente, nos centros
asistenciais do Sergas, centros sociais (centros de
día ou residencias), membros do servizo contra
incendios forestais, xustiza, urxencias e
protección civil. "As contratacións adecuaranse
estritamente ás necesidades do servizo e terán como
límite máximo as previsións orzamentarias
establecidas", indican os orzamentos.
Así, só se permitirá cubrir as substitucións en
Sanidade, Educación, Benestar, unha parte de
Presidencia e os incendios, dependentes de Medio
Rural. No resto contención absoluta: as baixas
deberán cubrirse co traballo dos funcionarios máis
"próximos", como declarou a conselleira de Facenda,
Marta Fernández Currás, o ano pasado, cando xa se
conxelaron as substitucións. Iso si, o seu
departamento non pecha a porta a excepcións.
Facenda terá potestade para levantar este veto,
pero deberá recibir unha "memoria explicativa que
xustifique a necesidade urxente e inaprazable e o
carácter imprescindible para o funcionamento do
servizo " por parte do departamento que requira a
cobertura dunha baixa. Nesta liña enmárcase tamén a
reforma legal do ano pasado para poder trasladar
funcionarios dun departamento a outro para cubrir
as necesidades da Administración. A Xunta non
ofrece información sobre si se están aplicando
estes cambios de destino, que primeiro se quixeron
impor de forma obrigatoria e logo tomaron carácter
voluntario.
A contención á hora de cubrir baixas choca coas
protestas de dous colectivos claves supostamente
exentos dos recortes: profesores e sanitarios. Estes realizarán
unha protesta o mércores en Santiago e ameazan
cunha folga xeral catro días antes das eleccións
xerais no caso de que a Consellería de Sanidade non
atenda as súas queixas, centradas na aplicación
dunha taxa de reposición do 10%: é dicir, que das
1.760 xubilacións do ano próximo só se cubrirán
176. O departamento de Farjas alega que esa taxa
vén fixada por normativa estatal e non ten marxe
para incumprila.
O ambiente na educación tamén está quente, a
mobilización continúa ante o aumento da carga
lectiva do profesorado, que provocaría 1.000
despedimentos.
A falta de persoal provoca, directamente, unha
diminución da calidade e cantidade na atención á
cidadanía que marca o camiño cara a paulatina
privatización e eliminación do estado de ben estar,
só terán atención os que a poidan pagar, as clases
máis desfavorecidas ou non poderán acceder aos
servizos ou estes acabarán tendo a mesma cobertura
que se foran de caridade.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript