07/11/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Sindicatos! Hai alguén aí?
A situación económica e social que atravesa o país é demasiado grave para soportar o actual silencio das dúas centrais sindicais maioritarias. Os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) falan de cinco millóns de parados, e a subida en 134.000 persoas no mes de Outubro son cifras catastróficas.
A precariedade, o medo, o traballar sen
contrato, o recorte de dereitos, a falta de futuro
dos mozos (o desemprego neste segmento da poboación
é un dos maiores do mundo), a emigración constitúen
o pan noso de cada día, pero os sindicatos seguen
sen convocar aos traballadores e parados para
enfrontar ao goberno e ao réxime como ocorre en
Portugal ou Grecia. Son só os sectores en conflito
os que se moven, pero non existe un plan xeral de
denuncia, de enfrontamento ao sistema nas rúas e os
centros de traballo. En efecto, pasan os días, as
semanas e todo parece indicar que CC.OO e UGT están
esperando o cambio de goberno o próximo 20 de
novembro para comezar a reivindicar (no caso de que
isto ocorra).
Din os seus liberados que o ocorrido o pasado 29 de
setembro do 2010, cando se convocou a folga xeral
tras a contrarreforma laboral, a redución salarial
no sector público e a conxelación das pensións, foi
un parto demasiado difícil para as centrais.
Serviulles para constatar o grao de desmobilización
e descrédito de ambos os sindicatos e deixou aos
seus cadros e militantes moi tocados. Ao momento
que si se lle menciona a posibilidade doutra folga
xeral (razóns sobran) foxen como da peste tras a
última experiencia. Como máximo recoñecen que cando
goberne o PP e faga os seus correspondentes
recortes (incluído a de centos de liberados) poderá
axitarse un pouco e a ver que ocorre logo. O
diñeiro que reciben a conta dos Orzamentos Xerais
do Estado para manter ás dúas organizacións, negan
que teña que ver co compromiso de manter a “paz
social”. Pero na opinión dos traballadores gaña a
idea contraria.
O actual ministro de Traballo, Valeriano Gómez, foi
un alto cargo de UGT, antigos secretarios xerais de
CC.OO como Antonio Gutiérrez é deputado polo PSOE e
José María Fidalgo coquetea co PP. Son máis que
probas de que os traballadores non poden esperar
moito do sindicalismo maioritario. Non aparecen
porque non cren que o seu labor sexa erosionar ao
capitalismo, son diques de contención do
descontento social, non teñen á loita de clases no
seu ideario. Haberá que pasar por encima deles
porque o de cambialas por dentro é notoriamente
imposible.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript