Novembro de 2011
 
 

07/11/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

A Mesa da Coruña pídelle ao Concello que non exclúa o galego na tramitación da tarxeta Millenium

A asociación vén de remitir senllas cartas á concelleira de Mobilidade e a Carlos Negreira logo de comprobar que a oficina de tramitación da Millenium situada na estación de autobuses exclúe a lingua propia en toda a súa documentación e sinalización.

 

  • Noticias relacionadas

A Mesa pola Normalización Lingüística da Coruña vén de constatar un novo caso de vulneración de dereitos lingüísticos e exclusión do galego dun espazo público por parte do Concello da Coruña. Trátase, segundo a asociación puido comprobar, do departamento municipal de Mobilidade, que xestiona a tramitación das solicitudes da tarxeta municipal Millenium, empregada pola cidadanía para, entre outras funcións, o transporte urbano e interurbano.

Segundo a queixa dun veciño recibida na Liña do Galego, o servizo de información á cidadanía sobre dereitos lingüísticos que presta A Mesa entre as súas funcións, a lingua propia de Galiza estaba a verse excluída por completo de todo o proceso de tramitación da tarxeta Millenium.

Tal e como puido comprobar a entidade cívica en defensa do galego, na oficina do Servizo Municipal de Mobilidade situada na estación de autobuses coruñesa, que é onde acoden boa parte das persoas interesadas en xestionaren a solicitude da Millenium, “o galego é, literalmente, unha lingua invisíbel”: na sinalización externa da propia oficina, na información ao dispor do público sobre os requisitos e condicións para a concesión das tarxetas e, tamén, nos propios impresos de solicitude. Mesmo non se respecta tampouco o dereito que asiste a calquera cidadá ou cidadán a ser atendido en galego, cando así o solicita.

Perante esta situación, A Mesa vén de lle remitir senllas cartas de protesta a Begoña Freire, concelleira de Mobilidade, e ao alcalde da cidade, Carlos Negreira, instando este último a que como rexedor da cidade se responsabilice en cumprir “co mesmo que votou sendo deputado do Parlamento de Galiza” e tome medidas para que A Coruña non sexa “a capital da discriminación lingüística” en Galiza, pois é algo “que non queren a inmensa maioría das veciñas e veciños da cidade”.

“Mire vostede ao futuro e fuxa da tentación de viaxar ao pasado, a épocas e procesos felizmente superados, política e xudicialmente”, recoméndalle A Mesa a Carlos Negreira en referencia á sistemática exclusión do galego da vida pública imposta polos sucesivos gobernos con maioría absoluta presididos polo socialista Francisco Vázquez.

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript