31/10/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
O beneficio da Seguridade Social cae un 46%
Aínda así o superávit dos nove primeiros meses do ano é de 5.105,43 millóns de euros.
As contas da Seguridade Social rexistraron
nos nove primeiros meses do ano un superávit de
5.105,43 millóns de euros, o 0,47% do PIB, o que
supón unha caída do 46,1% respecto ao saldo
positivo de 9.476,34 millóns do mesmo período de
2010, informou o Ministerio de Traballo.
De acordo cos datos de execución presupostaria da
Seguridade Social ata setembro, este resultado
débese á diferenza entre uns ingresos por valor de
90.770,04 millóns de euros, o 2,90% menos que hai
un ano, e uns gastos de 85.664,61 millóns, o 1,98%
máis.
Do gasto total da Seguridade Social, 79.241,97
millóns (92,50%) correspóndense coas prestacións
económicas a familias e institucións, dos que
76.533,67 millóns foron para o pagamento de
pensións e prestacións contributivas, o 4,06% máis
que un ano antes.
Ademais, a Seguridade Social contaba ata setembro
cuns gastos previstos pendentes de imputación
presupostaria de 900 millóns, co que o superávit
ata esa data sería algo menor ao contabilizado.
O secretario de Estado da Seguridade Social,
Octavio Granado, asegurou nun comunicado que se
pechará o exercicio en superávit (do 0,4% é a
previsión do Goberno), a pesar de que nesta época
de crise se está a facer fronte a gastos para
atender ás familias máis vulnerables e ás persoas
que teñen máis necesidade.
Granado destacou, así mesmo, que o superávit se
conseguirá no cuarto ano dunha crise económica "tan
dura" debido a que o comportamento do sistema
público de pensións español é "moito mellor" que o
doutros países do ámbito.
Dentro das prestacións contributivas, ás pensións
(invalidez, xubilación, viuvez, orfandade e en
favor de familiares) destináronse 70.654,72 millóns
de euros, un 4,99% máis que no mesmo período do ano
pasado.
As prestacións por maternidade, paternidade e risco
durante o embarazo eleváronse ata 1.737,05 millóns
de euros, o que representa un crecemento interanual
do 2,04%.
En Incapacidade Temporal o gasto rexistrado foi de
3.736,98 millóns de euros, o 9,59% menos respecto a
hai un ano.
As pensións e prestacións non contributivas caeron
o 1,99%, ata os 2.708,30 millóns.
Dos ingresos non financeiros, as cotizacións
sociais supuxeron 78.231,75 millóns, o 1,18% menos
que hai un ano, o que se debeu a unha caída do
7,29% da cotización dos parados.
Para o conxunto do ano, o sistema prevé ingresar
110.447,12 millóns por este concepto, co que ata
setembro xa se recadara o 70,83% do total.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript