Outubro de 2011
 
 

31/10/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

A que están a liar os gregos

Dende logo, a maldade dos gregos non ten límite. Non contentos con afundirse eles mesmos, desestabilizar o euro, contaxiar os seus problemas a media Europa e poñer o planeta enteiro ao bordo do abismo, agora tamén deixan co cu ao aire á nosa banca campioa do mundo.

 

  • Noticias relacionadas

 

Como? Que a exposición da banca española á débeda grega é mínima, só 800 millóns? Ben, e que: os pérfidos helenos demostraron de sobra a súa capacidade de causar estragos mundiais sendo unha economía minúscula, así que non subvalorizar o seu potencial destrutivo.
 
Aí teñen: un novo cumio sobre "o problema grego" remata cunha ampliación fantasma (ninguén sabe como se fará) do fondo de rescate, novas esixencias de reformas a Italia ou España, e unha recapitalización bancaria de 106.000 millóns onde os máis necesitados son os que menos exposición teñen á gripe grega. Ah, si, e tamén unha quita a Grecia, para salvar algo dunha débeda que moitos daban xa por irrecuperable.
 
Como a patrióticos non nos gaña ninguén cando de bancos se trata, onte todos sacabamos peito polas nosas entidades: "castigo", "maltrato", "inxustiza", "arbitrariedade". Pois moi ben, pero a min non me saen as contas: levamos ano e pico co MacGuffin de Grecia, e cara ao que imos é a unha gran recapitalización bancaria, pois os expertos coinciden en que os 106.000 millóns non son definitivos. No caso español, por exemplo, segue facéndose a vista gorda co verdadeiro activo tóxico, que non é nin a débeda grega nin a española, senón o ladrillo.
 
Así que sigo pensando que nin Grecia nin as débedas soberanas nin o déficit público (outro MacGuffin): o verdadeiro problema de Europa é dende o principio da crise o seu sistema financeiro, que non é que teña activos tóxicos, senón que é tóxico todo el. Acaba de pasar con Dexia, rescatado, suponse, porque se afogaba en débeda grega; pero o seu actual xestor recoñeceu que a entidade francobelga era máis un fondo especulador que un banco. Mentres, cada cumio engade outro piso ao castelo de naipes. A ver canto aguanta.

 

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript