Outubro de 2011
 
 

31/10/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

A crise, unha estafa detrás doutra

A Real Academia Española da Lingua define de dous modos o verbo estafar. Como pedir ou sacar diñeiro ou cousas de valor con artificios e enganos e con ánimo de non pagar, e, en sentido xurídico, como cometer algún dos delitos que se caracterizan polo lucro como fin e o engano ou abuso de confianza como medio. Por iso eu creo que o termo de estafa é o que mellor describe o que fixeron continuadamente os bancos, os grandes especuladores e a inmensa maioría dos líderes e as autoridades mundiais antes e durante a crise que padecemos.

 

  • Noticias relacionadas

Os Estados déronlle aos bancos privados o privilexio de crear diñeiro emitindo débeda coa escusa de que iso era necesario para financiar a actividade das empresas e os consumidores. Pero nos últimos trinta anos, a banca internacional multiplicou a débeda para financiar os mercados especulativos e para gañar diñeiro simplemente comprando e vendendo máis diñeiro, e non para financiar a economía produtiva. Esta é a primeira estafa.
 
Para dispoñer de recursos adicionais aos que o depositaban os seus clientes, a banca ideou formas de vender os contratos de débeda e difundiunos por todo o sistema financeiro internacional. Pero ao facelo, ocultaba que millóns deses contratos non tiñan as garantías mínimas e que ao menor problema perderían todo o seu valor, como efectivamente aconteceu. Actuando desa forma e tratando de elevar cada vez máis a rendibilidade das súas operacións, a banca foi asumindo un risco cada vez maior que ocultaba aos seus clientes e ás autoridades e que transmitiía ao conxunto da economía. Esta é a segunda estafa.
 
Para levar a cabo esas estafas, a banca recorreu ás axencias de cualificación que actuaron como os seus cómplices corruptos enganando sistematicamente clientes e autoridades indicando que a calidade deses produtos financeiros era boa cando en realidade sabían que lno era así e que, pola contra, se estaba a difundir un risco elevado porque eran, como se demostrou máis adiante, puro lixo financeiro. Esta é a terceira estafa.
 
Os grandes financeiros conseguiron que os bancos centrais fosen declarados autoridades independentes dos gobernos coa escusa de que estes podían utilizalos ao seu antollo e de que así era mellor para lograr que non subisen os seus prezos. Non obstante, o que aconteceu foi que con ese estatuto de "independentes" os bancos centrais se puxeron ao servizo dos bancos privados e dos especuladores, mirando a outro lado ante os seus desmandos. E asi, en lugar de combater a inflación permitiron que se dese a suba de prezos da vivenda quizais máis alta de toda a historia e constantes burbullas especulativas en numerosos mercados. E lonxe de conseguir a estabilidade financeira o certo foi que durante o seu mandato "independente" tamén houbo o maior número de crises financeiras de toda a historia. Esta é a cuarta estafa.
 
Para xerar fondos abondo para investir nos mercados especulativos cada vez máis rendibles, os bancos e grandes financeiros lograron, coa escusa de que iso era o conveniente para loitar contra a inflación, que os gobernos levasen a cabo políticas que reducisen os salarios e aumentasen así os beneficios (que na súa maior parte van a aforro en lugar de ao consumo como lle pasa aos salarios), e a progresiva privatización das pensións e dos servizos públicos. Esta é a quinta estafa.
 
Cando o risco acumulado desa forma estalou e se desencadeou a crise, os bancos e os poderosos lograron que os gobernos, en lugar de deixar caer aos bancos irresponsables, de encarcerar aos seus directivos e aos das axencias de cualificación que provocaron a crise, lles desen ou prestasen a baixo interese varios billóns de dólares e euros de axudas coa escusa de que así volverían deseguida a financiar a economía. Pero en lugar de facer isto último os bancos e grandes financeiros usaron eses recursos públicos para sanear as súas contas, para volver ter deseguida beneficios ou para especular en mercados como o do petróleo ou o alimentario, provocando novos problemas ou que en 2009 houbese 100 millóns de persoas famentas máis que en 2008. Esta é a sexta estafa.
 
Os gobernos tiveron que gastar centos de miles de millóns de dólares ou euros para evitar que a economía se colapsase e para axudar á banca. Como consecuencia diso tiveron que endebedarse. Como os bancos centrais están dominados por ideas liberais profundamente equivocadas e ao servizo da banca privada, non financiaron axeitadamente aos gobernos, como si fixeran cos bancos privados, e iso fixo que tivesen que ser os bancos privados os que financiasen a súa débeda. Así, estes últimos recibían diñeiro ao 1% dos bancos centrais e colócano na débeda pública ao 3, ao 4 ou mesmo ao 8 ou 10%. Esta é a sétima estafa.
 
Como os bancos e grandes financeiros non quedaron contentos con ese negocio impresionante, dedicáronse a propagar rumores sobre a situación dos países que se tiveran que endebedar pola súa culpa. Iso foi o que fixo que os gobernos tivesen que emitir a débeda máis cara, aumentando así o beneficio dos especuladores e poñendo en grandes dificultades ás economías nacionais. Esta é a oitava estafa.
 
Os gobernos quedaron así atados de pés e mans ante os bancos e os grandes fondos de investimento e, grazas ao seu poder nos organismos internacionais, nos medios de comunicación e nas propias institucións políticas como a Unión Europea, aproveitaron a ocasión para impoñer medidas que a medio e longo prazo lles permitan obter beneficios aínda maiores e máis doadamente: redución do gasto público para fomentar os negocios privados reformas laborais para diminuír o poder de negociación dos traballadores e os seus salarios, privatización das pensións, etc... Afirman que así se combate a crise pero en realidade o que van producir é todo o contrario porque é inevitable que con esas medidas caia aínda máis a actividade económica e o emprego porque o que fan é diminuír o gasto produtivo e "o combustible" que os sostén. Esta é a novena estafa.
 
Dende que a crise se mostrou con todo o seu perigo e extensión, as autoridades e mesmo os líderes conservadores anunciaron que estaban completamente decididos a poñer fin ás irresponsabilidades da banca e ao descontrol que a provocara, que rematarían co segredo bancario, cos paraísos fiscais e coa desregulación que vén permitindo que os financeiros fagan calquera cousa e que acumulen risco sen límite con tal de gañar diñeiro... Pero o certo é que non tomaron nin unha soa medida, nin unha soa, nesa dirección. Esta é a décima estafa.
 
Mentres está a pasar todo isto, os gobernos, escravos ou cómplices dos poderes financeiros, non pararon de esixirlle esforzos e sacrificios á cidadanía mentres que aos ricos e aos bancos e financeiros que provocaron a crise non lles deron senón axudas constantes e todo tipo de facilidades para que sigan facendo exactamente o mesmo que a provocou. Grazas a iso, estes últimos están a obter de novo centos de miles de millóns de euros de beneficios mentres que cae a renda dos traballadores, dos xubilados ou dos pequenos e medianos empresarios. Esta é a undécima estafa.
 
Mentres que constantemente vemos que os presidentes de gobernos reciben instrucións do Fondo Monetario Internacional, das axencias de cualificación, dos banqueiros ou da gran patronal, a cidadanía non pode expresarse e se lle di que todo o que está a acontecer é inexorable e que o que eles fan é o único que se pode facer para saír de atranco. Esta é a duodécima estafa.
 
Finalmente, quérese facer crer á xente que a situación de crise na que estamos é o resultado dun simple ou momentáneo mal funcionamento das estruturas financeiras ou mesmo económicas e que se poderá saír dela facendo unhas cantas reformas laborais ou financeiras. Engánannos porque en realidade realidade vivimos dende hai decenios en medio dunha convulsión social permanente que afecta a todo o sistema social. A verdade é que cada vez hai un maior número de seres humanos famentos e máis diferenzas entre os autenticamente ricos e os pobres, que se acelera a destrución do planeta, que os medios de comunicación están cada vez en propiedade de menos persoas, que a democracia existente apenas deixa que a cidadanía se pronuncie ou inflúa sobre os asuntos máis decisivos que lle afectan e que os poderosos se empeñan en impoñer os valores do individualismo e a violencia a toda a humanidade. Esta é a décimo terceira estafa.
 
O que aconteceu e o que segue acontecendo ao longo é a crise é isto, unha sucesión de estafas e por iso non se poderá saír dela ata que a cidadanía non se impoña aos estafadores impedindo que sigan enganándoa, ata que non lles obrigue a dar contas dos seus delitos financeiros e ata que non evite definitivamente que sigan comportándose como ata agora.
 
Juan Torres López é catedrático de economía aplicada na Universidade de Sevilla

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript