Outubro de 2011
 
 

24/10/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

O Sergas cobrará 10 euros pola renovación da tarxeta sanitaria

A medida non é a única que vai polo camiño da restrición do servizo público e gratuíto. A partir do próximo 1 de xaneiro, o Sergas esixirá unha antigüidade mínima no padrón de 183 días antes de autorizar a tarxeta, indispensable para toda consulta ou receita médica, o que prexudicará a cidadáns estranxeiros ou mesmo aos que se trasladen de comunidade.

 

  • Noticias relacionadas

A tarxeta sanitaria para unha cobertura universal e gratuíta do Sergas custará 10 euros. É o prezo que terá a emisión dun novo cartonciño plástico a partir do 1 de xaneiro do 2012 se o usuario a perde ou se despista coa caducidade e non a renova en prazo. O proxecto de lei de acompañamento aos presupostos do ano próximo que onte aprobou o Consello da Xunta incorpora esta taxa aplicable a todos os beneficiarios do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Cobrarase pola "renovación ou reposición" dunha tarxeta que ata a data foi sempre gratuíta. Ao Consello Económico e Social de Galicia (CES) parécelle que esta proposta "debe de ser un erro" e propón "eliminalo.
 
Non é a única sorpresa que encerra o articulado da lei autonómica, que tamén pon trabas ao acceso á tarxeta sanitaria para os estranxeiros. Os cidadáns doutros países teñen dereito, recoñecido polas leis de Saúde e Estranxeiría, á cobertura sanitaria con independencia da situación legal da persoa ata a alta médica. Sanidade asegura que a asistencia está garantida en todos os casos e que unicamente se restrinxe o acceso á tarxeta. A medida, segundo o Sergas, limítase a seguir recomendacións da Comisión Europea e do Ministerio de Sanidade para evitar unha fraude común, xa que algúns estranxeiros conseguen a tarxeta dun país no que non residen e logo a utilizan en toda Europa.
 
O regulamento xa se publicara no DOGA o 9 de setembro baixo a premisa de "actualizar" o procedemento que recoñece o dereito á asistencia sanitaria a "persoas sen recursos económicos suficientes e desempregados". Na práctica, a partir do próximo 1 de xaneiro, o Sergas esixirá unha antigüidade mínima no padrón de 183 días antes de autorizar a tarxeta, indispensable para toda consulta ou receita médica. Non dispoñer de tarxeta pode limitar o acceso á atención primaria nos centros de saúde. Os inmigrantes recén chegados ou en situación irregular que non se empadroasen por medo, descoñecemento ou para burlar a policía, non dispoñerán dela ata pasado medio ano con domicilio fixo. Isto podería deixar a algúns colectivos (inmigrantes, indixentes ou prostitutas) nunha sorte de baleiro sanitario de seis meses para as consultas e enfermidades máis frecuentes, coa excepción de menores e embarazadas.
 
A Felipe Noya, voceiro de Médicos do Mundo, parécelle que a proposta bordea a ilegalidade porque "limita leis superiores" e sinala que algo moi similar se formulou en Cataluña. A ONG critica con dureza que a Administración galega formule "rebaixar un dereito en lugar de garantilo. "Atenta gravemente contra as posibilidades das persoas desfavorecidas de acceder ao sistema sanitario". A entidade considera que é "un erro manifesto" e sinala que os inmigrantes "achegan máis á economía do que reciben da sanidade".

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript