24/10/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Carta ao Presidente da Deputación da Coruña
Como seguramente xa coñece, en La Voz de Galicia do pasado día 2
publicouse
unha entrevista con Zaira Rodríguez Pérez, concelleira de Cee e
responsable da área de Normalización Lingüística na
institución que vostede dirixe.
Somos moitas as persoas que lemos con abraio e indignación esta parte da
entrevista antedita:
-Entre sus áreas de trabajo, usted es la
responsable de normalización lingüística. Puede
parecer algo chocante en una persona que no habla
gallego.
-Lo entiendo perfectamente y lo hablo a veces. En
mi casa lo hablan, pero creo que cada uno es libre
de elegir la lengua en la que se siente más cómodo.
Sendo a deputada responsable da área de
Normalización Lingüística, non pode Zaira
Rodríguez, por moito que invoque a súa liberdade
individual, facer semellantes declaracións. Esta
persoa non pode continuar no cargo onde vostede a
colocou, porque a súa actitude de desprezo pola
lingua propia de Galicia é unha actitude ignorante
e mesquiña, que resume moitos dos prexuízos
existentes sobre o nos idioma e que non podemos
aceptar.
A súa incompetencia manifesta e o seu desprezo pola
normalización lingüística supoñen un insulto máis
para as persoas que falamos galego e que
traballamos para que o seu estatus de lingua
oficial en Galicia se traduza na práctica nunha
presenza nos diversos ámbitos sociais parella á que
goza o castelán.
Desde a plataforma plural e apartidaria ProLingua
querémoslles lembrar, a vostede e á deputada
Rodríguez Pérez, que os poderes públicos galegos
non só deben garantir o uso normal e oficial do
galego, senón que deben “potenciar” o seu emprego
en todos os planos da vida (art. 5.3 do Estatuto de
Autonomía), o que, de acordo co apartado 3 do
artigo 6 da Lei de Normalización Lingüística,
significa que deben promover “o uso normal da
lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas
relacións cos cidadáns”.
Do mesmo xeito que nunca deixariamos un raposo ao
coidado das galiñas, non pode unha persoa coas
ideas da devandita deputada desenvolver o cargo que
na actualidade ocupa. Desde ProLingua pedimos o seu
cesamento inmediato e a súa substitución por outra
persoa que manifeste un maior coñecemento e, sobre
todo, respecto pola lingua propia de Galicia.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript