Outubro de 2011
 
 

24/10/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

O 21,8% dos residentes no estado español vive por debaixo do nivel de risco de pobreza

O 21,8% dos residentes no estado vive por debaixo do nivel de risco de pobreza, o que supón un punto porcentual máis que hai un ano, segundo a Enquisa de Condicións de Vida de 2011 do Instituto Nacional de Estatística (INE).

 

  • Noticias relacionadas

Os menores de 16 anos son os que presentan maior risco de encontrarse en situación de pobreza, nunha proporción do 26,5%, fronte ao 23,3% de 2009. Se se ten en conta no cálculo o valor da vivenda na que reside o fogar, cando esta é da súa propiedade ou a ten cedida gratuitamente, a taxa redúcese do 21,8% ao 18,2%.
 
Outros datos sinalan que o ingreso medio neto anual por fogar, con datos de 2010, ascendeu a 24.890 euros en 2010, un 4,4% menos que o ano anterior, mentres que por persoa alcanzou os 9.371 euros, o que supón unha diminución do 3,8%. No mesmo ano, o IPC situouse no 3%, o que evidencia unha perda de poder adquisitivo por parte das familias.
 
Do mesmo modo, un 35,9% das familias non pode afrontar gastos imprevistos, fronte ao 36,7% de 2010, mentres que se reduce en 1,6 puntos porcentuais, ata o 6,1%, os fogares, que ten atrasos nos pagamentos de gastos relacionados coa vivenda principal (hipoteca, aluguer, recibos de subministracións, etc.).
 
Paradoxalmente, a enquisa tamén reflicte que o 26,1% dos fogares do estado manifesta chegar co fin de mes con dificultade ou moita dificultade, dos que un 9,7% di estar nesta última situación, o que supón un descenso respecto ao 30,6% de 2010.
 
Por outro lado, un 38,8% dos fogares non se pode permitir ir de vacacións polo menos unha semana ao ano, cifra similar á rexistrada en 2009 e 2010, aínda que 5,3% superior á de 2008.
 
Segundo o réxime de tenza, o 49,6% dos fogares dispoñía dunha vivenda en propiedade sen hipoteca en 2010, mentres que os que aínda non a liquidaran supoñían un 32,3%, cunha cota media mensual de 541 euros. Outro 9% dos fogares estaba a pagar un aluguer a prezo de mercado.
 
Ademais, cada fogar destinou mensualmente 313 euros a gastos relacionados coa vivenda habitual en 2010, entre os que se inclúen o aluguer ou os intereses da hipoteca, comunidade, auga e outros gastos asociados. Os que vivían de aluguer pagando rendas a prezo de mercado, dedicaban unha media mensual de 652 euros a estes gastos, mentres que os que residían nun inmoble en propiedade con hipoteca pagaban 435 euros. Aqueles coa hipoteca liquidada afrontaban un gasto de 189 euros

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript