Outubro de 2011
 
 

24/10/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Méndez comunica que non devolverá nin un euro do saqueo que fixo a NCGBanco

O exdirector xeral de Caixa Galicia descarta devolver parte algunha dos 11,2 millóns netos que recibiu, coa conivencia de todos os membros do consello de administración, ao deixar a entidade. Pon a disposición de Castellano os seus cargos en empresas nas que participa o banco e nas que segue en activo.

 

  • Noticias relacionadas

 

Na polémica das indemnizacións, gratificacións, xubilacións e liquidacións varias recibidas polos altos cargos de Novacaixagalicia, faltaba un dos actores principais por aparecer. De todos é coñecido que o exdirector xeral da caixa galega, José Luis Pego, negocia dende hai días coa cúpula de NCG Banco a renuncia dunha parte da indemnización que percibiu, e que o exdirector xeral adxunto, Javier García de Paredes, xa dixo que só se levará unha porción do que lle correspondería por contrato. "A cuarta ou quinta parte", cifran fontes próximas ao directivo.
 
Pero faltaba por saber a postura do que fora director xeral de Caixa Galicia durante tres décadas, José Luis Méndez. E a súa actitude é clara: non vai devolver nin un euro do que percibiu tras a súa saída da caixa en setembro de 2010. Varias fontes cifran a cantidade que se embolsou en 11,2 millóns netos, descontados xa os impostos. Nesta partida inclúese a liquidación e, sobre todo, o plan de pensións.
 
Méndez comunicou o presidente de NCG Banco, José María Castellano, e este trasladouno onte ao consello de administración da entidade, que considera que "o seu proceso de xubilación se axustou á normativa legal correspondente e ás regras de bo goberno corporativo", segundo un comunicado do banco.
 
Tamén o informou de que "no momento da súa xubilación, en setembro de 2010, renunciou de xeito voluntario ás indemnizacións inherentes ao seu contrato de alta dirección ". A contía desta indemnización, que lle correspondía por abandonar o seu cargo cinco anos antes do límite legal, roldaría os 11 millóns, aínda que segundo fontes financeiras foi o Banco de España o que o premeu para que non fixese efectiva esta cláusula ante a delicada situación que estaba a atravesar a caixa galega.
 
Castellano tamén informou o consello de administración de NCG Banco, que se reuniu onte por segunda vez na Coruña, que Méndez poñía a disposición do banco os cargos de representación que ocupa nas empresas participadas pola entidade.
 
Malia que Méndez abandonou todos os cargos directivos en Caixa Galicia en setembro de 2010 -aínda é presidente da fundación- o exdirector da caixa durante 30 anos aínda continua sentado en varios consellos de administración de empresas nas que NCG Banco ten participacións. Ademais, a caixa galega tamén lle paga un coche oficial, o chofer e seguridade privada.
 
Méndez é aínda presidente de Aforro Corporación, cuxos accionistas son a Confederación Española de Caixas de Aforros (CECA) e as caixas, e é conselleiro de dúas empresas en representación da caixa galega: Sacyr Vallehermoso e Tecnocom. Por estes cargos recibiría algo máis de 200.000 euros ao ano.
 
Pero non só falouse de José Luis Méndez no segundo consello de administración de NCG Banco. José María Castellano tamén detallou aos conselleiros a renuncia voluntaria de Javier García de Paredes á maior parte da súa indemnización e que mantén "abertas conversacións" para lograr acordos similares co resto de exdirectivos de Novacaixagalicia.
 
As cifras que transcenderon sitúan a indemnización á que tiña dereito por contrato García de Paredes en 7 millóns de euros, dos que, nun primeiro momento, tería renunciado a 4. Tras a segunda renuncia, desistiu de cobrar "a maior parte" do montante total neto ao que tiña dereito, co que só recibirá "entre a cuarta e a quinta parte".
 
A indemnización de José Luis Pego alcanza os 18,5 millóns de euros brutos (10,2 netos), dos que 7,7 millóns serían polo seu salario ata os 65 anos, xa que se prexubilou con 54, e por unha gratificación especial, segundo confirmou o directivo este diario. A este caso habería que engadir outras cantidades millonarias tamén pactadas para outros exdirectivos, que roldan os 7,5 millóns: as do exdirector xeral da oficina de integración, Oscar Rodríguez Estrada, e as do exresponsable do grupo inmobiliario, Gregorio Gorriarán, ambos os dous de Caixanova.
 
Castellano afirmou que espera que, polo ben de NCG Banco, dos seus empregados e clientes, "funda o exemplo" de Javier García de Paredes. O presidente do banco confía en que o resto de exdirectivos que percibiron indemnizacións millonarias, que superan os 30 millóns, "tamén renuncien a unha gran parte das cantidades recibidas".
 
O máximo dirixente da entidade galega eloxiou "o compromiso, a actitude e o sentido ético de García de Paredes, aceptando mesmo non facer oficial nin pública a súa renuncia durante varios días para manter a discreción das conversacións". O presidente subliñou que o exnúmero dous de Novacaixagalicia "demostrou en todo momento a súa preocupación por axudar a evitar o dano na imaxe da entidade que causou a divulgación pública dos contratos dos directivos".
 
Castellano recoñeceu que aínda que a liquidación do contrato do exdirector xeral adxunto "seguira os trámites axeitados, as cifras finais non resultaban aceptables no actual contexto económico". García de Paredes achegará a cantidade á que renuncia ao proxecto de NCG Banco.
 
Á saída do consello de administración que se celebrou na antiga sede de Caixa Galicia, en rúa Nova, os dous copresidentes de Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso e Mauro Varela, rexeitaron facer declaracións, pero este último asegurou que "todos" están de acordo e "todo está ben". O secretario do consello, Gonzalo Ortiz, indicou que o encontro foi "moi ben". "É unha nova etapa", engadiu. O consello de administración comezou ás once da mañá e os primeiros directivos comezaron a saír pouco antes das cinco da tarde.
 
O consello de administración tamén ratificou o nomeamento dos tres conselleiros que representan ao Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), que controla o 93% da entidade tras inxectar 2.465 millóns. Son José Antonio Portugal Alonso, José Borrue Asensio e Joaquín Saurina Maspoch.
 
O consello queda integrado agora por 12 membros, entre os que están, ademais dos tres representantes do FROB, José María Castellano como presidente executivo; César González-Bueno como conselleiro delegado, Jaime Trebolle, Roberto Tojeiro, Carlos González, José Manuel Gabeiras e Xabier Alcorta, como conselleiros independentes, e Mauro Varela e Julio Fernández Gayoso -copresidentes de Novacaixagalicia- como conselleiros dominicais.
 
Aínda Que as negociacións sobre as indemnizacións dos exdirectivos de Novacaixagalicia foi o tema estrela do consello de administración de NCG Banco que se celebrou onte, a reunión tamén serviu para marcar a estratexia da entidade a curto e medio prazo. Unha das decisións que tomou o consello foi desfacerse do 5,24% que Novacaixagalicia ten no Banco Pastor polo que recibiría uns 40 millóns.
 
A cúpula de NCG Banco considera que a súa presenza na entidade galega, sobre todo agora que foi absorbida polo Popular, xa non é necesaria e ademais necesita desprenderse dos seus activos financeiros. A operación enmárcase no plan de reestruturación que a entidade presentou ao Banco de España e que prevé a venda das súas participacións financeiras como medida para obter plusvalías e/ou desapancar o seu balance. Aínda que as plusvalías poderían ser limitadas ou nulas -o prezo ao que compraron as accións tanto Caixa Galicia coma Caixanova foi maior-, segundo os expertos, a operación podería ter un impacto positivo para NCG Banco xa que axudaría ao proceso de desapancamento da entidade e tería impacto positivo, aínda que limitado na súa liquidez.
 
O Popular valorou cada acción do Pastor en 3,97 euros e a entidade en 1.347 millóns. O prezo ofrecido supón unha prima do 31% sobre o valor de cotización actual do banco galego. A operación consiste nunha oferta dirixida á totalidade do capital da entidade, mediante o troco de 1,115 accións de nova emisión do Popular por cada título do Pastor e de 30,9 accións do Popular por cada obriga necesariamente convertible do Pastor.

 

 

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript