Outubro de 2011
 
 

24/10/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

As universidades de Galicia farán fixos 27 científicos o próximo ano

A maioría leva nove anos con contratos temporais. A Coruña consolidará a seis dos oito investigadores que finalizan en decembro.O PAS laboral segue esperando.

 

  • Noticias relacionadas

As universidades galegas comprométense a estabilizar, con prazas fixas, 27 dos 77 investigadores Parga Pondal pendentes de consolidación. Tras semanas de negociación coa Xunta e colectivos de investigadores que piden unha saída polo menos para unha parte dos que levan anos traballando nos departamentos universitarios, para que o seu talento e experiencia non se quede no camiño, as tres institucións galegas ven viable un "esforzo presupostario" para que continúen a súa carreira investigadora malia o contexto económico.
 
Son científicos que, na maior parte dos casos, culminan este ano o seu contrato Parga Pondal de cinco anos de duración. Acumulan un currículo investigador de nove anos, como mínimo. Decembro é a data tope, coincidindo coa expiración do contrato, para decidir o seu futuro: buscar un traballo en Galicia ou probar sorte no estranxeiro ante "as escasas saídas para investigadores de alto nivel na comunidade máis alá das propias universidades, organismos públicos de investigación e centros tecnolóxicos, xa que as empresas aínda non demandan este perfil", segundo explica o propio sector.
 
As universidades daranlles a oportunidade de quedar e continuar a súa vida laboral nos laboratorios das facultades integrándoos en equipo|persoal|soleta, pero non a todos. Suman un total de 77 os candidatos a un posto fixo pero, de momento, as institucións galegas prevén quedar con 27, un 35% do total. As prazas fixas, tipo profesor titular ou contratado doutor, sairán en 2012, se os cálculos das institucións académicas se cumpren.
 
Cantos investigadores rematan este ano, ou o fixeron en exercicios anteriores, a súa etapa Parga Pondal nas universidades galegas? Suman en total, segundo datos das propias institucións académicas, de 77 científicos: oito na Coruña, 18 en Santiago e 51 en Vigo. Este colectivo está pendente de estabilización, sempre e cando exista a posibilidade de crear prazas para que poidan continuar. A cifra máis elevada corresponde á institución que dirixe Salustiano Mato porque ten en conta no cómputo científicos que pertencen a distintas convocatorias. No caso de Santiago e A Coruña o número refírese aos que rematan en decembro, é dicir, aos que están no seu último ano de Parga Pondal. En definitiva, todos eles son candidatos a un posto fixo na universidade, como investigadores en equipos, tras anos encadeando contratos temporais a través de distintas convocatorias.
 
Cantas prazas van ofrecer as institucións académicas nun contexto de axustes presupostarios? Na Universidade d Coruña culminan en decembro a súa etapa Parga Pondal oito científicos. Quedarán seis, un 75%. Recorda a institución académica que dirixe José María Barja que dende 2008 "a universidade consolidou os postos de 23 investigadores do devandito programa", persoal que pasou a formar parte do persoal de modo definitivo.
 
A Universidade de Santiago aínda non decidiu cantos dos seus 18 investigadores Parga Pondal que rematan este ano poderá estabilizar. Na actualidade negocia co colectivo de investigadores e dará a coñecer a cifra a finais deste mes ou principios de novembro. Admite, non obstante, "que a situación financeira é complicada". "Haberá algunha consolidación claro, pero aínda non sabemos cantas. 17 dos 18 Parga Pondal que rematan este ano conseguiron unha valoración positiva para acceder ao programa Manuel Colmeiro de estabilización", engade a institución que dirixe Juan Casares Long.
 
Por último, en Vigo consolidarase 21 dos 51 candidatos, o 42%, case a metade. Imos crear 21 prazas que sairán a concurso no ano 2012 e seguintes", sosteñen fontes da universidade viguesa.

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript