24/10/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
O Consello Galego de Universidades aproba os criterios de financiamento
Aínda que sabían perfectamente que o acordo se ía substanciar nos termos que agora saen á luz, estiveron mareándonos durante meses, agora acabaron as escusas. Que nos pasen xa a RPT e que comecen a negociar a aplicación da Transitoria II.
O equipo reitoral da UDC despois dos fracasos reiterados na presentación de candidatura aos Campus de excelencia Internacional e aos baixos postos que ocupa nos rankings de cómputo para o reparto, votou en contra aferrándose ao único cravo que ten, o número de alumnos e ás “diferenzas históricas”.
O Consello Galego de Universidades (CGU)
celebrado hoxe informou favorablemente a proposta
da Consellería de Educación da addenda, cos novos
criterios estruturais de reparto, ao plan de
Financiamento do Sistema Universitario de Galicia
(SUG) 2011-2015. Deste xeito, e xunto aos
contratos- programas asinados entre a Consellería e
as universidades galegas e o decálogo de dez
medidas de racionalización do gasto e de mellora na
eficiencia na xestión, culmínase o desenvolvemento
normativo do Plan de Financiamento.
Cómpre sinalar que para a elaboración de dita
addenda mantivéronse numerosas reunións entre os
representantes da Consellería de Educación e de
Facenda, así como das universidades do SUG. E, tal
e como sinalou o secretario xeral de Universidades,
José Alberto Díez de Castro, “desde que comezou a
elaboración do novo Plan de Financiamento todos os
implicados estiveron de acordo na necesidade de
facer un cambio de modelo, de xeito que se realizou
un plan moderno e dinámico con capacidade de
adaptación”.
Novos criterios de reparto
Así os cinco novos criterios a ter en conta no
reparto da parte da Subvención Fixa e os
indicadores asociados a eles foron fixados no
encontro realizado en xuño de 2011, cumprindo cos
prazos fixados no propio Plan. Ditos criterios son
os seguintes:
1. Campus de Excelencia Internacional:o indicador
será a existencia dun proxecto seleccionado polo
Ministerio tanto en categoría internacional como
Rexional. De acordo coa resolución deste organismo,
os créditos repartiranse a partes iguais entre as
universidades que teñan a consideración de
universidade coordinadora dun proxecto aprobado.
Ademais, se recibe a cualificación de
internacional, esa universidade terá o dobre da
contía.
2. Captación de recursos externos:o indicador serán
os recursos económicos das universidades que non
procedan de fondos vinculados ao plan de
financiamento 2011/2015. Cada universidade deberá
certificar ditos ingresos e os fondos vinculados a
este criterio repartiranse de xeito directamente
proporcional á cantidade obtida por cada
universidade en relación ao Persoal Docente
Investigador (PDI) doutor de cada unha.
3. Internacionalización:valorarase o output
(produción científica) do Informe Anual Scimago
World Report obtido por cada unha das
universidades, en relación ao PDI doutor de cada
unha delas. O crédito relativo a este criterio
repartirase de xeito directamente proporcional ao
valor obtido por cada unha das universidades.
4. Transferencia de coñecemento:teranse como
indicadores os Proxectos Individuais de
Investigación e desenvolvemento (PID); do programa
de Consorcios Estratéxicos Nacionais de
Investigación Técnica (CENIT) en relación co PDI
doutor de cada universidade, e o número de spin-off
(empresas baseadas en coñecementos creadas nas
universidades e impulsadas por membros desa
comunidade) en relación co PDI doutor de cada
universidade. Tamén entre os criterios de
valoración están os ingresos percibidos en concepto
de contratos e convenios con empresas e entidades
privadas en relación co PDI doutor de cada
universidade. As contías repartiranse de xeito
directamente proporcional ao valor obtido por cada
unha das universidades.
5. Calidade da docencia:será valorada segundo as
Transferencias correntes da administración
educativa por estudante matriculado de primeiro e
segundo ciclo e grao en centros propios de cada
universidade, reflectidas no Informe bianual da
Conferencia de Reitores de Universidades Españolas
(CRUE), “La universidad española en cifras”. En
función disto as contías repartiranse de xeito
inversamente proporcional ao valor obtido por cada
unha das universidades.
Aplicación dos criterios
Estes novos criterios aplicaranse por vez primeira
no orzamento do 2012, e afectarán ao equivalente ao
5% da Subvención Fixa. Esta porcentaxe irá
incrementándose un 5% cada ano de vixencia do plan,
de xeito que no 2015 repartiranse aplicando os
novos criterios un total do 20% dese fondo –de 290
millóns de euros-, mentres o 80% restante seguirá
distribuíndose en base aos criterios históricos de
reparto que se viñan aplicando no Plan de
Financiamento 2005-2010.
Cómpre recordar que a súa aplicación e a evolución
ano a ano das porcentaxes afectadas, constitúe un
sinal importante de cara a asumir o novo modelo de
financiamento polo que o SUG debe apostar para
acadar a posición que se merece, tanto a nivel
nacional como internacional. Deste xeito foméntase
a adopción de medidas entre as institucións
universitarias que impulsen a mellora en todas e
cada unha das misións que lle son propias.
Compoñentes do Plan
Esta addenda pecha o Plan de Financiamento,
composto ademais por un decálogo de medidas para a
racionalización do gasto e de contratos programas
coas universidades.
No relativo a ditos contratos-programas, que foron
asinados durante este ano entre a Consellería de
Educación e as universidades do SUG, o obxecto é
fixar 20 obxectivos de mellora en 8 áreas de
acción, relativas á adaptación das necesidades
sociais; a docencia; a investigación; transferencia
de tecnoloxía; a proxección internacional;
responsabilidade social; xestión; e os campus
periféricos.
A finalidade é que os recursos vinculados á
subvención por resultados que se asignen ás
universidades do SUG se determinen en función da
situación de partida e do logro dos obxectivos de
mellora acordados de xeito individualizado con cada
universidade.
Os obxectivos de mellora serán avaliados
anualmente, ao longo do período de vixencia deste
contrato programa – anos 2011 e 2012 – e os seus
resultados servirán, a partir do ano 2013, para
asignar os recursos que correspondan a cada
universidade vinculados á subvención por
resultados.
Decálogo de racionalización
Asemade o Plan de Financiamento do SUG 2011-2015
inclúe o decálogo de medidas de racionalización do
sistema elaborado polo grupo de traballo do Plan de
Financiamento Universitario. Estas dez medidas
tenden a buscar a eficiencia no uso das recursos
dos que dispoñen as universidades a través da
colaboración, obtención de sinerxias...
1. Medidas de racionalización de persoal (PDI) e
alumnado (horizonte 2015)
2. Racionalización do gasto corrente
3. Inventario de equipamento científico para uso
compartido mediante comisión interuniversitaria
(cantidade e utilidade)
4. Desconcentración de departamentos (tendencia á
fusión de departamentos en campus centrais
establecendo un tamaño mínimo por departamento
-redución complementos e cargos-; e, ao mesmo
tempo, creación de departamentos en campus
periféricos –aforros en tempo, dietas,
quilometraxe, mellora na xestión)
5. Concentrar os asuntos de xestión compartida
dentro do SUG nun único ente
6. Financiamento dos centros mediante
contratos-programa
7. Aumento ingresos propios (overheads, títulos
propios, formación continua)
8. Implantación da administración electrónica
9. Redución custos comunicación (nivel local e
nacional) mediante emprego das novas tecnoloxías
10. Bibliotecas (potenciación dos formatos
dixitais, visión sistémica adquisición libros,
condicións adquisición e explotación bases de
datos)
Os asistentes
Na reunión, celebrada en San Caetano, Santiago de
Compostela, estiveron presentes o conselleiro de
Educación, Xesús Vázquez Abad; e o secretario xeral
de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e a
subdirectora xeral de Universidades, Beatriz
Soutelo. Así mesmo estiveron os reitores de Vigo,
Salustiano Mato; da Coruña, e de Santiago, José
María Barja e Juan Casares Long, respectivamente.
Xunto a eles asistiron ao CGU o director da Axencia
da Calidade do Sistema Universitario Galego, José
Eduardo López Pereira, o director xeral de I+D+i,
Ricardo Capilla; os presidentes dos consellos
sociais das universidades, Manuel Puga Pereira
(USC), Antonio Abril Abadín (UDC), e Ernesto
Pedrosa Silva (UVIGO); e tres representantes
designados polo Parlamento, Manuel Ladra, Maite
Cancelo e Carlos Pajares.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript