17/10/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Os prezos soben en setembro e a inflación sitúase no 3,4% en Galicia
Malia manter certa estabilidade nos últimos meses, os prezos volveron subir en Galicia tres décimas en setembro, con respecto a agosto, e a inflación dispárase xa ao 3,4%, tres décimas máis que a media estatal.
No conxunto do estado, os prezos subiron dúas
décimas no noveno mes do ano, arrastrados polo fin
das rebaixas de verán, mentres que a taxa
interanual se elevou unha décima e situou o Índice
de Prezos de Consumo (IPC) no 3,1%, tras catro
meses de descensos.
En Galicia, o maior aumento experimentárono en
setembro o vestido e o calzado -cunha suba do 4%- e
as bebidas alcohólicas e o tabaco, que aumentaron
3,2%. En cambio, baixaron un 2,2% o ocio e a
cultura e un 1,5% os hoteis, cafés e restaurantes.
Ademais, descendeu unha décima o apartado doutros,
mentres que o resto das categorías experimentaron
leves incrementos. Os alimentos e bebidas non
alcohólicas subiron dúas décimas; ao igual que a
vivenda e a medicina. O ascenso no caso do enxoval
foi do 0,3%; no do transporte, do 0,6%; no das
comunicacións, do 0,1%, e no ensino, do 1,1%.
En canto á comparación interanual -en relación a
setembro de 2010-, as subas máis acusadas foron as
da vivenda, cun 9,2%; as bebidas alcohólicas e o
tabaco, cun 8,4%, e o transporte (un 7,7%). Tamén
subiron os alimentos e bebidas non alcohólicas (un
2,8%); o enxoval (un 1,5%); o ensino (un 2,4%); os
hoteis, cafés e restaurantes (un 2%) e o apartado
doutros (un 2,3%).
A Coruña é a provincia galega na que máis subiron
os prezos, catro décimas en comparación con agosto
e un 3,6% máis que hai un ano. En Lugo aumentaron
tres décimas, en Ourense, catro, e tres en
Pontevedra.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript