17/10/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Henrique Dacosta: mexan por nós, ...
Imaxinen unha persoa que acredite cabalmente nas bondades ou vantaxes que o Estado poida reportar ao seu benestar. Imaxinen que crea con absoluta firmeza no sistema sanitario e educativo públicos.
Imaxinen que confíe en que o servizo de
telefonía, de transporte neurálxico (camiño de
ferro e aéreo), de correos, de abastecemento de
combustíbel, así como de banca, poidan ser públicos
para si e para os seus. É obvio que os fillos da
persoa suposta, cando teñan uns anos máis, até se
rían ao lles falaren de tal posibilidade. Porque o
que onte mesmo era factíbel, e até do máis normal,
pois tratábase dunha realidade que viviamos, mañá
poida que sexa motivo de riso para eles.
Poñamos que esa persoa puxo a súa nómina na Caixa
Postal, dígase claramente, entidade pertencente ao
estado, logo convertida en Argentaria, despois en
BBVA, xa plenamente bancarizada e privatizada.
Poñamos que esa mesma persoa tivese outra conta
máis, para outros mesteres, na Caixa Galicia,
dígase claramente, unha entidade pública. Prodúcese
unha fusión con Caixanova, seica por imperativo
legal que, se non, a abocaría á catástrofe, logo
bancarizada e privatizada en NCG Banco. Poñamos que
esa persoa tivese o seu teléfono en Telefónica, que
se abastecese nas gasolineiras públicas CAMPSA,
etc. Esa persoa, nin dúbida cabe, podería tratarse
de calquera de nós.
Mudan os tempos e até é posíbel que todo o dito soe
a caduco nos tempos que corren, aseverarán os máis.
Os máis, no entanto, xulgámolos mediatizados por
uns medios de comunicación viciados. Ben deles
repiten consignas, ás veces falaces, basedas na
inmediatez, no eslogan simplista, de modo que a
verdade se ten por única aínda sen ser contrastada.
Hai que fiar moi fino para estar ben informado, ler
na letra pequena para facer unha análise veraz.
Afortunadamente, o 15-M veu significar un balón de
oxíxeno á idiocia xeneralizada a que se nos aboca,
e igual impresión nos está a causar a corrente de
indignados do
Ocupemos Wall Street que podemos ver estes días
nos EEUU.
O medo á perda dos nosos postos de traballo. O medo
a ficarmos sen seguro de desemprego. O medo a
perdermos as nosas pensións. O medo a que nos
secuestren os nosos aforros en calquera sorte de
“corralito”. Maniféstase a flor de pel. Mais este
medo, puidémolo verificar, está na cerna mesma dos
tiburóns depredadores que o alentan, dos
especuladores que se nutren desta espantada.
Compran (co engano de que nos están a facer un
grandísimo favor) o que se encontra pouco menos que
na total ruína, aquilo que se presume carece de
ningún valor co fin de salvarnos. Mais detrás,
realmente, o que si existe é a maior das cobizas.
Velaí o temos nese Xoán-sen-Nome entrevistado para
a BBC, causando conmoción o que dixo: que, como
corredor de bolsa, desexa que a crise sexa cada vez
máis profunda porque así máis se beneficia e
enriquece.
Non é de estrañar, pois, que se calquera fantoche
impostado é capaz de cambalear á sociedade mundial
con estas declaracións, catro próceres desa nova
entidade bancaria xurdida de NCG, nos metan o pavor
no corpo, ao recibiren de todos nós indemnizacións
que atinxen algo máis do 20% do valor a prezos de
mercado da caixa reconvertida en banco. Aquel Xoán
transfórmase aquí nos señores Pego, Gorriarán,
Rodríguez Estrada e García de Paredes. Aos que
deberiamos engadir a ilustre figura desoutro
personaxe non menos fuxidío, Fernández Gayoso, que
acumula dous cargos (logo dunha suculentísima
pensión), incompatíbeis eles, o de conselleiro do
Banco Gallego e o de copresidente de
Novacaixagalicia. Iso si é medo, e do verdadeiro.
Estes que se prexubilan con indemnizacións
millonarias son, paradoxalmente, os mesmos que
critican esoutras prexubilacións noutras empresas,
queixándose da insolvencia en que deixarán ao
Estado. Política ordinaria de balóns fóra, mais que
ten repercusión, como viamos, por ausencia dunha
conciencia crítica que difunda a verdade de forma
clara. Encírrase á xente desde arriba (léase clase
política e banqueiros) para atacar, por exemplo, a
funcionarios ou médicos por se presumir pertenceren
a unha casta de privilexiados. Culpábeis? Sempre os
outros. O noso veciño, por cobrar máis ca min aínda
que estea máis cualificado e estudase para
conseguir o que agora ten, cousa que eu nunca
fixen. A envexa, mais sobre todo a terxiversación
da realidade das cousas que está a minar demasiadas
conciencias, cada vez máis volátiles perante a
desfeita do Estado.
Que a impudicia, que a impunidade e o latrocinio de
luva branca que se está a cometer coa “res publica”
non nos faga perder o norte. Os culpábeis son,
efectivamente, os outros. A estes culpábeis
prémianos xubilándoos con sumas millonarias que non
pertencen aos seus accionistas, senón a todos nós.
Os culpábeis son o ladrillazo coa connivencia dos
bancos. Os culpábeis son Moddy’s e adláteres. Non
nos confundamos, non. Así que fagamos, pois, todo o
posíbel por conseguir que non mexen por nós e nos
digan logo que o que sucede é que chove.
Publicado no xornal comarcal "Diario
de Ferrol"
[*] Henrique Dacosta -1964, ferrolán de Canido, é
escritor e profespor, foi proclamado gañador da XVI
Edición do Premio Carvalho Calero de Creación
Literaria-Narración Curta pola súa obra "Unha nada
de doce relatos", certame que organizan de forma
conxunta o Concello de Ferrol e a Asociación
Cultural Medulio.
Henrique Dacosta, ademais de colaboracións
lingüísticas e literarias en periódicos e revistas
(Diario de Ferrol, Agdlia, Ferrolandlisis, A Nosa
Terra...), foi gañador do II Certame Carvalho
Calero (1992) coa novela "Mar para todo o sempre",
e do IV (1994) co conxunto de relatos "Sobre
comboios, janelas e outras pequenas histórias". Foi
finalista no I Certame de Relato Curto da
Asociación Cultural Cidade Vella (1989) con "Ruiva
mulher de esperança". Inédito aínda, posúe un
estudio sobre a toponimia do Concello de Fene,
elaborado durante o período 1989-1990. En Émbora
ten publicado "Os desherdados" e "Ferroláns na
historia da literatura galega". - [Fonte:
Ártabra 21 e de
Fervenzas Literarias - Xullo de 2008]
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript