Outubro de 2011
 
 

17/10/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Isaac Rosa: un capitalismo malo para salvar o bo

Se a crise, como dixo Jean-Claude Trichet, é sistémica, que facemos perdendo o tempo en rescatar este ou aquel banco? Rescatemos o sistema enteiro, ao grande, e así rematamos dunha vez e aforramos un sobresalto cada semana!.

 

  • Noticias relacionadas

Miren o caso de Dexia, o banco francobelga que agonizaba. Os gobernos de Bélxica e Francia acordaron auxiliar a entidade, e para que saia adiante decidiron crear un "banco malo" (parece unha redundancia, pero non), unha entidade paralela onde "illar as actividades e elementos que poidan pesar sobre as actividades bancarias de Dexia", en palabras do primeiro ministro belga. É dicir, un colector para encerrar os chamados "activos tóxicos", todo o lixo financeiro que ninguén quere e que se acabarán comendo os cidadáns franceses e belgas, pois o banco malo só poderá existir coa garantía do diñeiro público.
 
A fórmula non é nova, usouse repetidas veces no que vai de crise. En España aplicouna con éxito Bankia, que para saír á bolsa deixou aparcados noutro banco os cuantiosos activos inmobiliarios, créditos dubidosos e todo aquilo que puidese quitar atractivo no parqué bolsista. O banco malo, sobra dicilo, estámolo a comer entre todos. E non só Bankia: o propio FROB, o fondo de rescate para as caixas, converteuse nun enorme banco malo ao quedar coas entidades que ninguén quería, tanto as intervidas coma as nacionalizadas. Todo para que o sector financeiro siga o seu camiño sen cargar con ese lastre.
 
De modo que, como a crise é sistémica, que sentido ten ir metendo banco a banco diñeiro e creando tropecentos bancos malos? O mellor sería crear un sistema financeiro "malo", onde acumular todo o lixo para que o sistema "bo" volva gañar diñeiro como nos bos tempos. Xa postos, cremos un "capitalismo malo" (valla a redundancia), para que o "capitalismo bo" (soa a oxímoro, seino) sobreviva outra temporadiña, ata que acumule de novo porcalladas e haxa que repetir a xogada.
 
A proposta pode soar desatinada, pero pénseno ben: non é iso o que xa está a pasar, só que por capítulos? Pois rematemos dunha vez por todas, e a outra cousa. Que con tanto comer activos tóxicos rematan os Estados envelenados e arruinados? Non pasa nada: creamos un planeta malo, e que o bo siga rodando.

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript