17/10/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
A CAM aprobou unha paga de beneficios cando agardaba 1.500 millóns do FROB
Os xestores da CAM decidiron en marzo pasado aboar a paga de beneficios que cobraran os anos anteriores, malia que nesta ocasión xa estaban a esperar unhas axudas públicas de 1.493 millóns de euros e a que eles sabían que realmente non estaban en beneficios, e que as súas perdas de 1.000 millóns non saíran á luz unicamente por unha vantaxe contable que lles permitía a fusión con Cajastur, Extremadura e Cantabria.
O pagamento, que superou os catro millóns de
euros, realizouse o 15 de marzo, cando xa se
barruntaba que non sairía adiante a fusión, algo
que se materializou dúas semanas despois. As razóns
eran, entre outras, que se achara un burato de
1.340 millóns nas finanzas da caixa, ao que había
que sumar o déficit de solvencia que xa se coñecía,
que ascendía 1.447 millóns.
Un membro do consello de administración acusa o
xesto de "saqueo"
Un dos membros daquel consello de administración da
CAM, que non quixo facer pública a súa identidade,
criticou onte este pagamento en declaracións a La
Sexta. O conselleiro declarou que durante os meses
anteriores á intervención por parte do Banco de
España que en xullo substituíu os xestores e
administradores houbo un "saqueo" da caixa e que
con decisións como as pagas extraordinarias e as
prexubilacións "se levaban o patrimonio da CAM".
"A tal extremo chegou, que creo que foi en marzo ou
abril, por cumprimento de obxectivos, (abonouse)
unha paga máis, ademais das 22 que cobraban. Ou
sexa, unha paga máis por cumprimento de
obxectivos", afirmou. Segundo se desprende das súas
declaracións, o conselleiro achaca aos directivos
da CAM a decisión de autorizar ese ingreso extra en
función dos beneficios da caixa, malia que eran
estes mesmos xestores os que, afirma,
"indubidablemente" maquillaban as contas da
entidade.
O mesmo conselleiro exculpa de todos estes supostos
amaños ao consello de administración do que el
formaba parte porque, segundo explica, lles era
imposible controlar o "tremendo volume" da CAM.
Malia as afirmacións do exconselleiro, fontes
coñecedoras dese pagamento aseguran que a decisión
que foi moi discutida na entidade e ata reprochada
dende os seus socios de fusión naquel momento de
aboar unha paga de beneficios (e non de obxectivos
como asegurou o exconselleiro) pasou polo consello
de administración. E neste órgano de goberno hai
cinco representantes da Generalitat valenciana que,
como o resto, poderían telo parado. Trátase de
Modesto Crespo, Armando Sala, Pere Joan Devesa,
José Enrique Garrigós e Rosa Ana Perán, todos eles
propostos polo PP.
No momento do pagamento, a caixa estaba
tecnicamente en beneficios, pero non cumprira
ningún dos seus obxectivos do ano anterior. Outras
entidades, como Cajastur, malia estar en beneficios
e cumprir os obxectivos, reduciron no último ano o
variable dos seus empregados e, sobre todo, dos
directivos.
Prexubilacións millonarias
O conselleiro entrevistado por La Sexta deu onte
tamén detalles sobre o plan de prexubilacións que a
CAM deseñou para alixeirar o seu persoal. Revelou
que custan, en total uns 300 millóns. Nese mesmo
momento, asegurou, o "capital neto da CAM" era de
500 millóns, polo que cualificou a operación de
"animalada". Os voceiros da CAM declinaron onte
confirmar estas afirmacións.
O plan, que segue adiante, afectará a 973
traballadores da caixa. Ata o pasado mes de xuño,
fixéronse efectivas 266 prexubilacións, que de
momento custaron 57,9 millóns. Seguindo a mesma
media, o custo total serían 212 millóns. Son
218.000 euros de media por empregado.
Por outra parte, BMN empeza hoxe a comercializar as
obrigas convertibles en accións coas que pretende
lograr que un 20% do seu capital estea en mans
privadas. Venderanse entre investidores
profesionais (empresas) e institucionais e o
obxectivo é captar 230 millóns. Mentres, segue
esperando a oferta vinculante de tres grandes
fondos de investimento, que poderían entrar na
entidade cunha ampliación ou coas convertibles.
Liberbank, a outra entidade que recibiu unha
prórroga do Banco de España, negocia a venda
dalgunhas participacións antes do 25 de outubro, o
prazo límite dado polo supervisor. En caso de non o
lograr, acudirá ao FROB, aínda que o investimento
público se limitaría a un máximo de 100 millóns.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript