10/10/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
A situación na universidade non é allea ao resto da administración
A universidade non é allea ao movemento neoliberal que quere aproveitar a etapa de crise, provocada pola avaricia sen límite do sistema, para, sacando partido dela, seguir coas grandiosas ganancias facendo que sexamos os traballadores/as, xubilados/as, parados e paradas os que acabemos pagando a factura do seu afán de lucro desmedido.
A administración pública da que A
Universidade forma parte, é para eses capitalistas
e especuladores un espazo máis de negocio,
corresponde e no seu proxecto, está a súa
progresiva privatización construíndo un espazo de
ensino superior para adiñeirados e outro
absolutamente precarizado onde teríamos cabida as
clases populares.
Este deseño xa comezou a andar na UDC, a
privatización, a pequena escala, xa está
introducida desde fai anos, ETT’s, externalización
de servizos, a explotación laboral a través de
bolsas… son exemplos do tipo das relacións laborais
que se practican nesta institución.
Agora, fundamentándose na situación de crise, dáse
un paso máis nese camiño cara a privatización
total. A residencia universitaria, reclamada desde
fai anos polo alumnado vaise levar adiante pero
polo novo procedemento instaurado desde a Xunta de
construción e xestión privada, o que repercutirá
directamente nos petos dos alumnos/as e/ou na
calidade do servizo, non podemos esquecer que o
capital inviste onde hai negocio e o negocio deriva
desas dúas condicións sinaladas.
A Conferencia de Reitores informou, na súa última
reunión, de que se agarda unha redución
orzamentaria para o ensino superior o vindeiro ano
do 16%, mesmo agora hai universidades do estado que
xa non teñen diñeiro para pagar aos seus
traballadores, cunha redución das proporcións
indicadas é evidente que se recortarán
investimentos, reducirase o persoal, tanto docente
coma de servizos o que, á súa vez, repercutirá
directamente na calidade do ensino.
Por outro lado o incremento das taxas
universitarias (este ano, cun paro que rolda os 5
millóns de persoas ese incremento foi do 3,6%) e a
nova fórmula de bolsas, instaurada pola entrada en
Boloña, de créditos reintegrables, fan que a
Universidade se alonxe progresivamente das clases
con menos capacidade económica, construíndose dun
xeito progresivo a universidade de elite que desde
as esferas máis reaccionarias veñen reclamando
desde sempre, total para que imos estudar unha
carreira se o noso futuro é engrosar a xa enorme
ringleira do paro?
A universidade non é gratuíta, finánciase cun
sistema de copago semellante ao que agora se quere
instaurar na sanidade, o que se pretende é
aproximar paulatinamente o que o alumno/a paga en
concepto de taxas ao custo real da súa formación
provocando un radical impedimento para que os
colectivos máis desfavorecidos poidan acceder ao
ensino superior.
Este é o futuro que teñen previsto para a
Universidade Pública, nas mans de todos está que
non o consigan a indignación que levou a miles de
persoas a saír e permanecer na rúa desde o 15M ten
que estenderse á Universidade.
Animámosvos a que vos organicedes neste movemento
cívico, apartidista pero non apolítico que pretende
articular ese descontento latente e darlle unha vía
de expresión.
Tamén vos chamamos a participar activamente nos
actos que, desde as 12 da mañá desenvolveremos, o
día 15, na Praza de Pontevedra e a participar na
manifestación que, desde este mesmo lugar, sairá en
reivindicación dun cambio global, por unha saída
social á crise e contra o neoliberalismo.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript