outubro de 2011
 
 

10/10/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Presentado en Santiago o proxecto Sermos Galiza

O acto acolleu a numeroso público e persoeiros da vida política e cultural do país

 

  • Noticias relacionadas

Sermos Galiza, a iniciativa social por uns medios de comunicación propios en galego, volveu a Compostela onte despois do avance do Festigal en xullo. Membros e membras da comisión promotora presentaron o proxecto ao numeroso público compostelán que se achegou ao Auditorio de Caixanova, na praza de Cervantes, aliás de persoeiros da vida pública social e cultural de Galiza.
 
Teresa Moure, escritora e profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Néstor Rego, da Asociación Cultural O Galo; Rubén Lois, profesor da USC; Manuel Vilar, investigador na Historia da Arte e o Patrimonio; e Olalla Rodil, estudante, deron a cara para explicar o contido deste proxecto que convoca a sociedade máis concienciada para o lanzamento dun semanario en papel e dun diario dixital en galego. Instaron aos cidadáns e cidadás a apoiar esta iniciativa, tanto economicamente, coa adquisición de accións para a constitución dun capital social viable para mantela, como socialmente, a través da difusión, compra e subscrición ás futuras publicacións.
 
Foi Teresa Moure a que pronunciou o discurso máis acendido en prol duns medios de comunicación "críticos, independentes, de esquerdas e en galego". Comezou facendo un repaso ao panorama mediático actual na Galiza, no que salientou o "peche de tódolos medios de comunicación" galegos, agás honrosas excepcións (Novas da Galiza), e outras menos honrosas (La Voz de Galicia e as demais cabeceiras tradicionais). E leu un fragmento das Irmandades da Fala escrito por Fernán Cobas, "Lelo", n'A Nosa Terra de 1931, para demostrar como a situación primaria de hai oitenta anos é similar á de hoxe, e como temos retrocedido na normalización do idioma de noso. Moure bota en falta "proxectos feitos dende o arredismo, críticos e plurais", que representen os nosos "intereses nacionais", e critica todos os medios aos que subvenciona o actual goberno da Xunta que, porén, silencian acontecementos como a creación de Sermos Galiza, da que non informou ningún dos grandes medios tradicionais. Pola contra, desexa "mil primaveras máis" para medios como Novas da Galiza e aplaude as publicacións feitas "con entusiasmo, entrega e espírito crítico".
 
Tivo tamén a autora de "Vivirmos na propia lingua, un dereito dos pobos" un recordo sentido para as mulleres que deixaron a principios do século XX o seu contributo no xornalismo galego, "o que o fai unha rareza do mundo mundial"; entre moitas máis, Concepción Arenal, María Barbeito, ou Pura Lourenzá, moitas delas escritoras en galego; e criticou o paradigma patriarcal do xornal "dirixido aos homes, ou, máis ben, a un tipo específico de home que quere estar ao día; iso si, só de determinados asuntos": sucesos, deportes, contactos, horóscopos...
 
Sen querer "pechar a competencia" nin dicir "o que nos aproxima ou diferenza de outros", Teresa Moure conquire que "é hora de pasarmos páxina. Sermos Galiza é un proxecto distinto. Non xorde como é habitual. O máis común é constituír unha empresa cun capital e despois desenvolver o produto. Aquí traballamos ao revés. Primeiro deseñamos un proxecto e despois constituímos unha empresa. Sermos Galiza é unha iniciativa sen precedentes dentro da prensa galega". Nas circunstancias hostís que vive o xornalismo galego, a principios de xullo, catro días despois do peche do derradeiro xornal diario en galego, Galicia Hoxe, e un día despois de que a RAG chamara ao debate social por mor do peche encadeado de medios de comunicación en galego, o 2 dese mes, anunciábase en Santiago a constitución de Sermos Galiza. As promotoras e promotores desta iniciativa cidadá "á procura xa duns 3.000 socios e accionistas que sustenten o proxecto" consideran "urxente o nacemento dun grupo de comunicación que responda ás necesidades informativas do noso país no século XXI, unha iniciativa sólida, colectiva e plural (...), referente informativo dos intereses da nación galega". Un espazo propio de comunicación e debate social en galego, por tanto.

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript