10/10/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Recapitalizar, non: requetecapitalizar
Din os líderes europeos que fai falta recapitalizar a banca para liberala de activos tóxicos.
É "urxente", segundo Merkel. Como xa saberán,
recapitalizar é o tecnicismo de despiste que usan
para non dicir "meter diñeiro", pois diso se trata:
destinar centos de miles de millóns de diñeiro
público. Pero ademais, está mal empregado, pois non
sería unha recapitalización, senón dunha
requetecapitalización, posto que será a segunda
recapitalización masiva da banca europea.
A primeira, se recordan, fíxose en 2008, hai xusto
tres anos. Dende entón son 25 os bancos rescatados,
e outros 11 foron liquidados. Segundo o comisario
Almunia, agora barállase rescatar 21 bancos, aínda
que o número é provisional, e seguramente será
maior. Saiban que entre recapitalizacións e
garantías nos fundimos xa 4,6 billóns (con b de
banco). Repitan a cifra en voz alta, e en pesetas,
que custa crelo: case 800 billóns (con b de
bandido) das vellas pesetas.
Dos bancos que agora necesitan diñeiro, moitos non
serán recapitalizados, senón requetecapitalizados,
pois será o seu segundo rescate. É o caso do
primeiro en caer, Dexia. En 2008 Francia, Bélxica e
Luxemburgo arrimaron 6.500 millóns que xa non
recuperarán, e agora ademais terán que comer os
95.000 millóns de activos tóxicos que necesitan
saneamento.
Segundo o FMI, Europa deberá inxectar outra vez á
banca non menos de 200.000 millóns. E de onde
sacarán os países ese diñeiral, axustados como
andamos? Pois xa teñen solución: en boa parte
collerano do fondo europeo de rescate, ese que
acaba de ampliarse, e que criamos que era para
salvar a Grecia, e resulta que non: no cumio de
xullo meteron na letra pequena a posibilidade de
que o fondo sirva tamén para recapitalizar bancos
en apuros.
En fin, o que xa sabiamos: que o chaman rescate de
Grecia cando en verdade queren dicir rescate da
banca. Ese é o verdadeiro problema da zona euro.
Porque se unha economía pequena como a grega é
capaz de desestabilizar todo o sistema financeiro,
o problema non é Grecia, senón que ese sistema está
podre de raíz. E se despois de limpar os bancos de
activos tóxicos en 2008, volveron acumular lixo, o
tóxico non son os activos senón o propio sistema
financeiro. E esa toxicidade non se vai quitar por
moito diñeiro que sigamos queimando.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript