10/10/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Trompazo da produción industrial galega
En Galicia cae máis dun 12%, mentres que no resto do estado sobe seis décimas.
Galicia foi a comunidade autónoma que
rexistrou unha maior caída do Índice Xeral de
Produción Industrial (IPI) en agosto, cun 12,1%
menos que no mesmo período de 2010, segundo publica
este xoves o Instituto Nacional de Estatística
(INE). A variación media da produción industrial no
oito primeiros meses do ano situouse nun -7,5%.
No conxunto estatal, por contra, o índice de
produción industrial aumentou un 0,6% en agosto en
termos interanuais e acumula unha variación media
oito décimas inferior (-0,2%).
Por comunidades autónomas, oito delas rexistraron
en agosto variacións interanuais negativas da
produción industrial. Despois de Galicia (-12,1%),
os maiores descensos foron os de Canarias (-9,9%) e
Asturias (-7%).
No lado oposto, as comunidades que presentaron en
agosto as taxas de crecemento interanuais máis
elevadas foron Cantabria (13,1%), A Rioxa (9,8%) e
Castela e León (9,1%).
CONXUNTO ESTATAL
No conxunto estatal, o Índice Xeral de Produción
Industrial rexistrou un aumento interanual do 0,6%
en agosto, máis de 5,5 puntos por encima da taxa
rexistrada no mes de xullo, cando este indicador
caeu un 5,1%.
Con este ascenso, a produción industrial volve a
taxas positivas tras dous meses en negativo.
Corrixido o efecto calendario, a variación
interanual da produción industrial situouse en
agosto no 0,3%, fronte ao -2,3% de xullo.
A variación media da produción industrial no oito
primeiros meses do ano situouse no -0,2%.
O reponte da produción industrial en agosto foi
consecuencia, pola súa maior repercusión no índice,
do aumento da produción de bens de equipo, que
rexistrou unha taxa anual do 9,4%, motivado polo
comportamento da maior parte das súas actividades,
especialmente a fabricación doutra maquinaria para
usos específicos e a fabricación doutra maquinaria
de uso xeral.
Tamén contribuíron positivamente ao incremento da
produción industrial os bens de consumo non
duradeiro, cunha variación interanual do 3,1%, que
se viu impulsada polas actividades de procesado e
conservación de carne e a fabricación de
especialidades farmacéuticas. Pola súa banda, o
sector dos bens de consumo duradeiro rexistrou un
repunte interanual do 2,3% no mes de agosto.
No lado contrario, a produción de bens intermedios
sufriu un retroceso do 3,2% en agosto, mentres que
a da enerxía caeu un 3% polo descenso da produción,
o transporte e a distribución de enerxía eléctrica.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript