03/10/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Colaboracións

 

 

Máis colaboracións.

 


Hai máis dunha receita económica para saír da crise
Como única forma de saír da crise, dise que hai que reducir gastos. Pero hai outras alternativas:
aumentar os ingresos con contratos de traballo estable, fiscalidade progresiva, persecución da fraude fiscal e a economía mergullada, taxas financeiras, fin dos paraísos fiscais...
Reestruturar gastos respectando o que si é prioritario: os sistemas públicos de sanidade, educación, pensións, asistencia social...
Incentivar a creación de riqueza orientada a xerar emprego.
Recortar gastos superfluos, gastos militares, cargos e prebendas de administracións inoperantes, proxectos absurdos...
Pero a ambición e a avaricia duns provoca que enriba nos queiran facer comungar con rodas de muíño: facernos crer que só existe a súa receita económica.

 

Os impostos: sacrificio ou conquista social?
Os impostos teñen mala prensa, o que é coherente con políticas de dereitas, guiados pola defensa de intereses particulares a curto prazo. Pero é preocupante que dende a esquerda se fale de evitar "castigar á clase media con aumentos de impostos", ou da necesidade de que os ricos "se sacrifiquen tamén". Pero por que non explicar que grazas a eles temos acceso a dereitos que individualmente nunca estarían ao alcance da maioría, como a sanidade, a educación ou a cultura? Hoxe máis que nunca, a crise global esixe que, por enriba de certo nivel de ingresos e con carácter progresivo, todos colaboremos, vía impostos, non só para que ninguén se vexa desprotexido, senón para impulsar os cambios necesarios para sentar as bases dun futuro sostible. Trátase de contribuír a un investimento que nos beneficiará a todos. Iso esixe o debido control social. Reivindiquemos, pois, os impostos como conquista social.

 

Cotizacións á Seguridade Social proporcionais á renda
É inadmisible que se fale do copagamento sanitario mentres existan unhas bases máximas de cotización.
Cotizamos en concepto de Seguridade Social un 4,7% dos nosos ingresos en nómina. Non obstante, existe un tope que actualmente está en 3.230,10 euros. Isto quere dicir que os que gañan máis de 3.230 euros ao mes non cotizan nada pola cantidade que supera esa cifra, mentres que os que gañan menos deben cotizar pola totalidade dos seus ingresos. Este sistema é totalmente inxusto, posto que non se atén á proporcionalidade da contribución de acordo aos nosos ingresos como o IRPF, poñamos por caso. Priviléxiase o que máis gaña e se penaliza ao que gaña menos. O que máis gaña non só non paga máis, senón que paga moito menos.
Isto leva consigo tamén un tope de pensión, é dicir, que o que só cotizou por 3.230,10 euros gañando importes superiores non pode pretender que despois se lle dea unha pensión pola totalidade dos seus ingresos.
Se se suprimisen os topes de cotización, que son inmorais, e se mantivesen os topes de pensión, que son razoables, a Seguridade Social financiaríase sen necesidade de propoñer solucións do tipo do copagamento, que incrementarían as cargas do contribuínte.


Medidas necesarias ante unha catástrofe social
Ante fenómenos naturais como os terremotos, tsunamis ou furacáns, que poden destruír en cuestión de horas ou minutos edificacións e infraestruturas realizadas durante anos con moito traballo e esforzo, os estados levan a cabo de xeito continuado labores de investigación, control, planificación e regulación co fin de evitar e reducir os daniños efectos derivados destes.
En presenza de comportamentos humanos como a especulación, a indiferenza e a cobiza, que son capaces de desmontar en curtos períodos de tempo o Estado do benestar alcanzado tras séculos dun progreso social non exento de hostilidade, dor e bágoas, tal como está a suceder nestes momentos, están a tomar os gobernos medidas eficaces e adecuadas para protexer os cidadáns e impedir o debilitamento ou deterioración do sistema democrático, de progreso, de xustiza social e de convivencia desenvolvida e posta en marcha ata agora?



 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript