outubro de 2011
 
 

10/10/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

15 de outubro. Polo cambio global. Contra o neoliberalismo

As autoridades e os financeiros mentiron antes da crise cando afirmaban que os mercados serían capaces por si solos de facer fronte a calquera risco financeiro. Mentiron as axencias de cualificación ao cualificar como boas as hipotecas lixo que difundían os seus clientes. Menten os líderes políticos e os economistas que traballan financiados pola banca e as grandes empresas cando din que hai que privatizar as caixas de aforros para salvalas, cando foron os bancos privados os causantes da crise e o que hai que facer, pola contra, é dispoñer dunha banca pública que non reproduza as súas irresponsabilidades. Menten os que non acertaron nunca facendo previsións nin adiantándose á crise e agora dinnos que saben o que pasará coas pensións dentro de cincuenta anos ou o que hai que facer para saír dela. Menten sen parar.

 

  • Noticias relacionadas

Pero non foron só os poderosos os que enganaron. Enganáronse tamén a si mesmas todas as persoas que permanecen impasibles fronte a tanta mentira crendo que só se trata dun incidente, dunha mala noite nunha mala pousada, do que nos sacarán os gobernos como o fixeron noutras ocasións porque, á fin e ao cabo, nunca pasa nada e sempre se remata volvendo vivir como antes. Poden pechar os ollos e seguir enganándose pensando que a elas non lles vai afectar ou que os seus problemas se solucionarán pronto. Pero máis válelles ser realistas e darse conta de que teñen que reaccionar porque o que acontece é que se nos está a vir enriba o edificio que inxenuamente cremos que era confortable e seguro. Veñen a por todos nós e non van parar ata que o teñan todo se non lles facemos fronte.
 
As mentiras e a fraude están claras así que o que convén facer tamén o está: dar a volta ao que nos veñen dicindo.
 
É dicir, frear o poder político da banca impedindo que acumule privilexios económicos e que se apodere de medios de comunicación e de universidades. Hai que poñer firmes os banqueiros e sometelos ao poder representativo, é urxente someter as finanzas á vontade cidadá e ás necesidades sociais, primar a creación sostible de riqueza taxando as transaccións financeiras e controlando os movementos especulativos do capital, impoñer principios imperativos de xustiza fiscal global e someter todas as decisións económicas ao debate social autenticamente democrático e participativo. Temos que de reclamar que se investigue o comportamento e a responsabilidade dos banqueiros que produciron a crise e que enganaron miles de clientes e o das autoridades.
 
Hai que impedir que miles de familias sigan perdendo as súas casas e os seus patrimonios pola avaricia e os enganos da banca e hai que poñer fin ás políticas de recortes de dereitos porque non é verdade que nos vaian sacar do burato onde nos meteron os multimillonarios e os grandes capitais, senón que vannos afundir máis aínda. Hai que saír á rúa a reclamar xustiza e poñer fin a tanta mentira.

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript