setembro de 2011
 
 

03/10/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Agárrense, que empeza a semana

Falabamos onte da nostalxia da idade dourada, os anos en que estado español era unha festa sen fin. Recordan como eran entón os luns? Moitos pasabámolos comentando o fin de semana ligueiro, contando o cuco que era o hoteliño rural onde pasaramos a ponte ou o bonito que estaba Londres en nadal, e empezabamos a facer plans para as vacacións, mentres actualizabamos a información de canto valía nosa casa segundo o metro cadrado no barrio, e aplaudiamos se un gobernante dicía que baixar impostos era de esquerdas.

 

  • Noticias relacionadas

Miren agora: chega o luns e estamos todos ás nove agarrados ao transistor esperando a apertura das bolsas, coma se fose a porta do curral por onde saen os touros que lanzarán cornadas durante a semana. Tras os índices bolsistas revisamos outra vez a prima de risco, que algúns consultan ao longo do día máis veces que o correo, que xa é dicir. Logo van chegando os boletíns horarios de noticias, onde nos tememos que Merkel dixese algo que poña nervioso aos mercados, ou que se publique un dato económico adverso.
 
Pola tarde, cando por fin pecha a Bolsa de Nova York, relaxámonos un pouco pero só ata mañá, pois a semana é moi longa e un martes pode quebrar Grecia, un mércores pode traer despedimentos na nosa empresa ou novos recortes de profesores, e non digamos un venres, que hai Consello de Ministros e nos pode caer unha reforma enriba. Aínda que tamén cabe que o luns estea a punto de rematarse o mundo, e cara ao xoves ábranse claros no ceo.
 
Esaxero? Nada diso. Revisen a prensa da semana pasada: o luns dábase por segura a quebra de Grecia, o martes afundíanse as bolsas, o mércores saían ao rescate Merkel e Sarkozy, o xoves os bancos centrais inxectaban diñeiro, e o venres pareciamos salvados, aínda que o Ecofin seguía enredado con Grecia como garantía de próximos sustos. Non me negarán que foi emocionante. Que nos reserva esta nova semana? Caerá Grecia por fin? Afundirase o euro? Novos recortes?
 
De que vai este xogo, a que tanta montaña rusa económica? É así de convulsiva a crise, ou a alguén lle interesa que esteamos nun sinvivir incesante, hoxe coa mecha a punto de consumirse pero mañá aparece o heroe e apágaa dun soprido? De tanto encollerse o estómago remataremos con úlcera.

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript