03/10/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Dez mil galegos contrataron o último ano un seguro por temor a recortes sanitarios
As medidas privatizadoras comezan a darlle resultado ás quenllas financeiras. Un de cada seis cidadáns de Galicia xa paga unha póliza para ser atendido en centros privados. O número de asegurados crece a pesar das dificultades económicas das familias.
A pesar de que a crise obrigou as familias a
recortar gastos, cada vez son máis os galegos que
deciden custearse un seguro sanitario. En Galicia
un de cada seis cidadáns xa ten cobertura médica
privada, un total de 449.213 persoas, unha cifra
que ademais se incrementou en 2010 nun 2,37% con
respecto ao exercicio anterior. Isto significa que
en só un ano máis de 10.600 galegos subscribiron
pólizas médicas para evitar ter que ir pola
Seguridade Social cando teñen algún problema de
saúde. Os axentes de seguros apuntan que un dos
motivos que alegan as familias cando solicitan un
seguro privado é o temor a posibles recortes na
sanidade pública ou privatizacións.
A crise obrigou aos gobernos a axustar os seus
presupostos e recortar gastos, o que se suma ás
dúbidas sobre a sostibilidade dun sistema sanitario
que, en concreto, no caso de Galicia resulta cada
vez máis custoso polo envellecemento da poboación
galega que encarece os tratamentos e dispara a
factura farmacéutica. O propio presidente da Xunta,
Alberto Núñez Feijóo, alertou de que a sanidade
española ten unha débeda oculta de 15.000 millóns
de euros e necesita refinanciarse para garantir a
súa viabilidade futura.
Onde primeiro atacaron as administracións foi ao
gasto farmacéutico. En Galicia aprobouse un
catálogo de fármacos, que agora queda superado pola
orde do Ministerio de Sanidade de receitar por
principio activo. Pero os axustes poderían ir máis
alá. Nalgunhas comunidades autónomas como Cataluña
están a pechar quirófanos e centros de saúde por
falta de presuposto. Pero ademais abriuse o debate
sobre o copagamento na sanidade e a posibilidade
dunha privatización encuberta dalgúns hospitais.
Neste contexto moitos galegos decidiron asegurar a
súa cobertura sanitaria cunha póliza privada, tal e
como aseguran algúns dos axentes de seguros
consultados. Segundo os datos de Icea
-Investigación Cooperativa entre Entidades
Aseguradoras-, na comunidade galega non só creceu
en 10.646 o número de asegurados senón que tamén
incrementouse o volume de primas nun 4 por cento
situándose en 2010 nun total de 250 millóns de
euros.
"A xente está preocupada, hai inseguridade pola
posibilidade de recortes ou de privatizacións. No
último ano empezamos a notar esa inquietud",explica
un dos axentes de seguros consultados por este
xornal. Pero non é a única razón. Este temor pola
situación da sanidade pública súmase aos argumentos
que tradicionalmente viñan alegando xa os clientes
da sanidade privada: as listas de espera.
"En xeral o que vai a un seguro privado é porque
quere ser atendido coma se se tratase dunha
autoestrada e non dunha estrada", explican dende a
patronal de empresas aseguradoras de España,
Unespa.
O feito de que cada vez haxa máis galegos
subscritos a un seguro privado de sanidade tampouco
significa que a rede sanitaria pública estea a
perder prestixio. De feito, tanto Unespa coma os
axentes de seguros aclaran que as persoas que
contratan unha póliza privada non se queixan da
atención recibida ata o momento nos centros
públicos senón que máis ben están temerosos polo
futuro, pola posibilidade de que se lle recorten
prestacións, e buscan ademais ser atendidos de
forma máis rápida, sen listas de espera.
No barómetro que cada ano elabora o Ministerio de
Sanidade quedan claros os motivos que empurran os
galegos a subscribir unha póliza privada. Seis de
cada dez enquisados asegura que acudiría a un
centro privado para ser atendido máis rápido. Pola
contra, prefiren a rede pública cando se trata de
valorar a capacitación dos médicos, o trato persoal
ou mesmo o confort das instalacións.
O medo, non obstante, de moitos galegos é que estas
prestacións que ata agora valoraban positivamente
rematen véndose deterioradas polos recortes
presupostarios que se lles impoñen ás
administracións.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript