03/10/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Cento catro anos despois, un novo até logo
A actual etapa de A Nosa Terra acaba. As publicacións do diario dixital rematan hoxe. A empresa desaparece; o proxecto agarda renacer no futuro.
Todo proxecto xornalístico ten unha empresa
detrás. Os problemas económicos obrigan a liquidar
Promocións Culturais Galegas, S.A.
O esforzo denodado e o apoio de moitos, o alento
dun gran número de galegos (moitos deles desde a
emigración), chocaron non só contra a realidade
económica da crise senón tamén contra a
transformación que están a vivir o conxunto dos
medios de comunicación.
Como xa catro veces antes, ao longo dos seus 104
anos de vida, a desaparición da empresa non ten por
que supor a desaparición do proxecto, pois non é
unha aposta empresarial, senón un proxecto de país.
Así que, unha vez máis, o proxecto de A Nosa Terra
ficará conxelado.
Sabemos que algún día –agardamos que antes ca
despois– renacerá coa mesma ilusión e con máis
forza. Coa forza dunha nación que necesita unha voz
propia.
Preservar o proxecto foi a nosa maior preocupación
nos últimos tempos.
As outras foron que os traballos realizados, tanto
no campo xornalístico coma no editorial (máis de
1.200 libros editados, ducias de exposicións e
proxectos realizados), sigan tendo a presenza que
se merecen conforme á súa vixencia e utilidade
social. Apostamos por que o publicado no semanario
e no xornal sigan estando na rede e os libros nas
librarías.
Xa que logo, só queda darlles as grazas aos máis de
10.000 subscritores, aos máis de 6.500 seguidores
nas nosas redes sociais, aos case mil accionistas,
aos máis de 500 colaboradores, aos integrantes dos
distintos consellos de administración, a ducias de
traballadores e a todos os que, dun xeito ou doutro
(de moitos xeitos e maneiras, moitas as máis das
veces anonimamente), fixeron posíbel está xeira de
A Nosa Terra que comezara en 1977 e que ninguén
agardaba fose tan longa e frutífera.
A todos vós, moitas grazas e até sempre.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript