03/10/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
A recapitalización das caixas cústalle aos consumidores máis de 21.500 millóns
O Banco de España deu por finalizado o proceso de recapitalización do sistema financeiro español. Dende 2008 o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) inxectou máis de 21.500 millóns de euros ás caixas de aforros españolas que agora, na súa maioría, xa operan como bancos.
O Banco de España deu por
finalizado o proceso de recapitalización do sistema
financeiro español previsto no Real Decreto-I
2/2011, cuns resultados dantescos para o
consumidor: nos últimos seis meses o FROB tivo que
inxectar 7.551 millóns de euros e convertéronse en
bancos a práctica totalidade das caixas de aforros
(ata un 98'3% dos activos do sector). A estas cifra
hai que sumarlle os 13.964 millóns de euros que xa
gastou o FROB na reordenación das caixas de aforros
españolas, que se desenvolveu durante boa parte de
2010.
En termos xerais esta última parte do proceso
finalizou cunha inxección de capital de 13.389
millóns de euros -os 7.551 procedentes do FROB e
outros 5.838 de investidores privados-. Dende 2008
o FROB destinou máis de 21.500 millóns de euros á
reestruturación do sistema bancario no noso país.
Unha cifra escandalosa que non debe pasar
inadvertida.
Das 13 entidades que, dende marzo, necesitaban unha
ampliación de capital, catro bancos recapitalizaron
as súas matrices, dous preferiron saír á bolsa
facendo pagar aos consumidores por salvar o seu
propio diñeiro -Bankia e Banca Cívica-, dous
optaron pola captación de investidores privados
-BMN e Liverbank-, tres foron recapitalizadas polo
FROB -Novacaixagalicia, Catalunya Caixa e Unnim- e
outra cubriu as súas necesidades de capital
mediante unha fusión (Caixa EspañaDuero). Ademais,
a CAM está intervida polo Banco de España, tras ser
substituídos os seus administradores e que
recapitaliza o FROB elas.
As caixas de aforros, en perigo de extinción
A maior parte das caixas de aforros traspasaron a
súa actividade financeira a un banco, mesmo moitas
das que non estaban obrigadas a facelo. Deste xeito
La Caixa, Ibercaja, Bankia, Banca Cívica, Grupo
BMN, Liberbank, Unicaja, Caixa España-Douro,
Novacaixagalicia, Catalunyacaixa, Unnim, CAM, BBK,
Kutxa e Caixa Vital xa operan como bancos, mentres
se espera a Caja 3 -SIP de Caixa Inmaculada, Caixa
Círculo e Caixa de Badaxoz-, que xa está
constituída como banco pero está pendente da
aprobación da segregación do seu negocio bancario.
O FROB entrou, ademais, no capital de
Novacaigalicia (93%), CatalunyaCaixa (90%) e Unnim
(100%). Capítulo á parte merece o proceso de
adxudicación polo que está a atravesar a CAM,
intervida polo Banco de España e que aínda así se
ve envolvida en diversos escándalos, como o das
indemnizacións pactadas polos seus directivos.
Das 45 caixas de aforros existentes antes da
reestruturación do sistema financeiro, actualmente
só quedan 15. Ademais as entidades fusionadas
reduciron o seu persoal nun 16'9% de media, mentres
que a súa rede de oficinas minguou nun 17'2%. Unha
redución de gastos que, non obstante, non
repercutiu positivamente nos consumidores. Ao
contrario, as caixas de aforros avanzan cara a un
modelo cada vez máis caro e elitista, co
desproporcionado aumento das comisións bancarias de
ata un 60% dende 2007.
É absolutamente inadmisible que a cidadanía
continúe pagando polos desmandos da Banca, unha das
principais causantes da crise. O Banco de España,
suposto supervisor do sistema bancario español,
debería determinar responsabilidades para os
directivos que levaron a estas caixas de aforros a
tan delicada situación económica. A cidadanía non
quere, nin debe, seguir pagando os desmandos da
Banca.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript