26/09/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
O 67% dos mozos continúa na casa dos seus pais
Un estudo publicado pola Fundación "La Caixa" mostra a importancia da familia en tempos de crise.
O 67% dos cidadáns de entre 18 e 29 anos
viven cos seus pais. Así o asegura unha análise que
a Fundación "la Caixa" presentou en Madrid. A
cifra, que supón máis do dobre da porcentaxe
rexistrada nos países escandinavos (30%), enmárcase
dentro do seu estudo social número 32,
Individualización y Solidaridad Familiar, que
afonda nos efectos que a crise económica produciu
nas relacións familiares e en comparación con
outros países.
O traballo foi elaborado polo catedrático do
Departamento de Socioloxía da Universidade Autónoma
de Madrid, Gerardo Meil, que destacou como
principal conclusión o significativo apoio familiar
que se mantén en tempos de crise, cando o paro, a
quebra ou o afogo das débedas tomaron carta de
natureza.
Unhas circunstancias polas que o 23% dos cidadáns
tivo que doar diñeiro a un familiar co que non
convive para axudarlle a sufragar gastos correntes.
Na mesma liña, o estudo pon de manifesto que o 33%
dos cidadáns que compraron unha vivenda nos últimos
anos o fixo coa axuda económica de familiares,
principalmente de pais, que lles prestaron diñeiro
sen intereses ou avais.
Nos últimos anos o 33% das compras de vivenda
realizouse co apoio familiar
Dos que conseguiron emanciparse, só un 31% vive a
máis de cinco quilómetros de distancia dos seus
pais, mentres a porcentaxe restante se beneficia
das vantaxes que esa proximidade leva consigo. E
non son unicamente económicas: o tempo xoga un
papel fundamental. Favorece que as familias se
axuden, por exemplo, evitando gastos de gardaría ou
neneiras.
Un exemplo desta situación queda reflectido na
porcentaxe de avós que contribúen ao coidado dos
seus netos, que creceu máis dun 10% dende 1993.
Tamén é significativo que dous de cada tres das
familias con nenos menores de tres anos conten co
tempo dos avós para sacar adiante os seus fillos.
Prestacións sociais
O traballo bota luz sobre a importancia que os
cidadáns confiren á familia como instrumento de
apoio, sobre todo en comparación con outros países,
onde recorren máis ás prestacións sociais. Mentres
o 32% dos alemáns e o 30% dos franceses consideran
que os familiares están no seu deber de contribuír
ás súas carencias, en estado español a porcentaxe
elévase ao 56% dos entrevistados.
Público
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript