19/09/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
O estado español mantense á cabeza do paro na OCDE
Os datos da organización indican que, oficialmente, a taxa de parados aumentou en xullo dúas décimas, ata o 21,2%
A taxa de paro entre os países membros da
Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento
Económico (OCDE) mantívose estable en xullo con
respecto a xuño no 8,2%, onde se situou por quinto
mes consecutivo, segundo informou a organización
internacional, que volveu sinalar a España como o
país con maior índice de desemprego.
A axencia sinala que os datos dos diferentes países
membros da OCDE en xullo respecto a xuño
rexistraron "moi poucos" movementos. Así, destaca
que o maior incremento se rexistrou en Luxemburgo
(tres décimas, ata o 4,6%), mentres que a maior
caída foi en México (cinco décimas ata o 5,3%).
O estado español, onde a taxa de desemprego
aumentou en xullo dúas décimas ata o 21,2%, volve
rexistrar un mes máis a maior taxa de paro entre os
membros da OCDE cuxos datos están dispoñibles
seguida de Irlanda (14,5%), Eslovaquia (13,4%) e
Portugal (12,3%).
Así mesmo, a OCDE tamén subliña que o dato de
desemprego na zona euro se mantivo por segundo mes
consecutivo no 10%, nivel no que se move a taxa de
paro da unión monetaria europea dende decembro de
2010.
Por outro lado, adianta que os datos xa coñecidos
de desemprego no mes de agosto en Estados Unidos,
onde se mantivo estable no 9,1%, e Canadá, onde
aumentou unha décima ata o 7,3%, confirman o actual
escenario de "ampla estabilidade" nas taxas de
paro.
Por último, a OCDE apunta que en xullo de 2011 o
número de persoas desempregadas nos países membros
da institución alcanzou os 44,5 millóns, dous
millóns menos que no mesmo mes de 2010, pero 11,4
millóns máis que en xullo de 2008.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript