19/09/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
O Goberno propón que os docentes universitarios atrasen 5 anos a súa xubilación
Os profesores "con máis experiencia e méritos excepcionais" poderán traballar ata os 75 anos, se así o desexan. Na UDC a política é a contraria, un gran número de docentes xubílase aos 60 anos con incentivos de centos de miles de euros, cobran a pensión correspondente e a Universidade contrata un substituto. Quen nos dera ao PAS esta política de persoal.
O Ministerio de Educación propón que
profesores universitarios "con máis experiencia e
méritos excepcionais" traballen, de modo
voluntario, ata os 75 anos, cinco máis do límite
estipulado na actualidade. O departamento educativo
do Goberno central está a elaborar un real decreto
para que máis profesores maiores poidan seguir
exercendo, tendo en conta que as universidades xa
contan coa figura do "profesor emérito" para contar
cos docentes máis destacados pola súa traxectoria
traspasando a idade de xubilación.
Este artigo do borrador colleu "de sorpresa" ás
universidades, polo menos ás tres galegas, que
descoñecían esta medida e aseguran que non foron
consultadas nin para o seu debate nin para a súa
posta en marcha. Esta disposición aparece, segundo
as institucións académicas de Galicia, na Lei de
Acompañamento da Lei de Economía Sostible aprobada
no Parlamento e publicada no BOE do 12 de marzo
deste ano.
"O Goberno, logo de informe das comunidades
autónomas e do Consello de Universidades, promoverá
a posta en marcha, no curso dos próximos seis
meses, de mecanismos que faciliten a prolongación
no servizo activo, por un período máximo de cinco
anos adicionais, dos funcionarios pertencentes aos
corpos docentes universitarios e profesores de
investigación do CSIC nos que concorran méritos
excepcionais". Así consta exactamente na lei
complementaria.
A maioría das comunidades autónomas mostraron onte
o seu rexeitamento ao real decreto de acceso á
función pública que prepara o Ministerio, na
reunión da Comisión Xeral de Educación. Só
Andalucía o apoia. O resto cuestionou "a idoneidade
do momento" político para aprobar o real decreto.
Mentres que a propia disposición inclúe que "existe
un informe previo" das comunidades autónomas e do
Consello de Universidades, as institucións galegas
negan que houbese un debate sobre este tema e
aseguran descoñecer os méritos que se esixirán aos
docentes para atrasar cinco anos a súa xubilación e
seguir exercendo. Segundo o borrador, os profesores
que queiran continuar impartindo clase deberán
acreditar nove distincións, entre méritos docentes
(quinquenios) e de investigación (sexenios). No
caso dos profesores de investigación do CSIC, o
requisito ascenderá a doce recoñecementos, segundo
o texto inicial que prevé converterse en real
decreto.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript