setembro de 2011
 
 

19/09/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Tesoirada de 900.000 euros en cultura tras os recortes no idioma

Co mesmo procedemento que aplicou Educación a semana pasada coa promoción da lingua, Cultura agora deixa "sen efecto" dúas liñas de subvencións.

 

  • Noticias relacionadas

Menos dunha semana despois de que a Consellería de Educación realizase recortes sen precedentes na promoción da lingua galega ao anular dúas liñas de axuda, agora é a Consellería de Cultura quen aplica as mesmas tesoiras orzamentarias e o mesmo procedemento. O departamento dirixido por Roberto Varela vén de publicar no DOG dúas ordes que deixan sen "efecto" senllas subvencións convocadas xa no mes de xaneiro cuxos beneficiarios eran as asociacións e os concellos. En total quedan anulados 900.000 euros de subvencións.
 
A primeira das ordes que deixa sen efecto o departamento de Roberto Varela é a Orde do 12 de xaneiro, pola que se establecían as bases de subvencións a concellos de Galicia e para o equipamento e a mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais. Esta partida ascendía aos 600.000 euros. Nas bases reguladoras destas axudas, asegúrase que "no eido das corporacións locais, Cultura, e dentro da súa aposta pola dinamización cultural do país, considera necesaria a mellora das condicións de equipamento e a mellora das condicións técnicas co fin de abrir as súas ofertas culturais aos novos campos da cultura". Por ese motivo, Cultura destinaba 600.000 euros a tal fin e abría un prazo de presentación de solicitudes até o 19 de febreiro. Sete meses despois, Cultura elimina estas axudas.
 
A mesma sorte correu a Orde do 3 de xaneiro de 2011 pola que se establecían as bases de subvencións a asociacións, fundacións e entidades culturais sen ánimo de lucro para o equipamento e a mellora dos seus locais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011. Neste caso, a contía ascendía até os 300.000 euros e o prazo remataba o 25 de febreiro. En ambos os dous casos, o financiamento procedía nun 70% de Fondo Feder e nas dúas ordes recollíase unha cláusala pola cal se incluían "os investimentos realizados en melloras e equipamento desde o 1 de xaneiro de 2011 ata a data límite de xustificación da orde".
 
O procedemento que aplica agora o departamento de Roberto Varela lembra ao usado por Política Lingüística a semana pasada polo cal se deixaban sen efecto dúas liñas de axudas. Por un lado, deixábase sen efecto as subvencións á edición de material curricular non universitario en galego por un valor de 400.000 euros e, polo outro, as subvencións a promoción da lingua galega nos concellos por valor de 420.000 euros. En menos dunha semana, os concellos de Galicia viron como nunha semana desaparecían 1.020.000 euros.
 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript