setembro de 2011
 
 

19/09/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

A Xunta volve dar un contrato a Atos Origin coa peor oferta económica

A empresa á que está vinculada a sobriña de Romay Beccaria ocuparase do mantemento do sistema de xestión de persoal da Administración galega, tras unha contratación financiada con fondos europeos.

 

  • Noticias relacionadas

A empresa Atos Origin, que recibiu ata o ano pasado contratos da Xunta do PP por máis de catro millóns de euros, volve ser adxudicataria doutro contrato público case millonario e unha vez máis cando presenta a peor oferta económica entre as tres firmas que optaron. En concreto, esta compañía será a encargada do servizo de evolución e mantemento do sistema de xestión de persoal do Goberno galego, por un custo de 800.967 euros, IVE incluído. A adxudicación foi acordada o pasado 5 de xullo pola Secretaría xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que argumenta que era a oferta "economicamente máis vantaxosa", segundo o Diario da UE, malia que no informe de valoración das ofertas presentadas pode verse claramente que o prezo que ofertaba era o máis caro.
 
A opción máis barata era a da empresa Indra, que ofertaba o servizo por case 100.000 euros menos, exactamente por 706.736, co IVE incluído. Despois estaba Sadiel, con 753.843 euros, e despois estaba Atos Origin, que si que consegue a máxima puntuación no resto dos criterios, todos eles bastante menos obxectivables. Así, a adxudicataria obtivo os máximos puntos para a súa oferta pola organización do equipo directivo, os aspectos metodolóxicos, o plan de execución do contrato e evolución de sistemas e os parámetros de servizo nas tarefas obxecto desta contratación. Este último era o único criterio que pesaba tanto na valoración final como o prezo, 25 puntos, mentres que o resto de ámbitos puntuaban menos. En todo caso, Atos Origin consegue, coa suma de todos estes apartados, compensar a súa mala posición a nivel económico.
 
Isto mesmo xa ocorreu en febreiro de 2010, cando a empresa na que era directiva por aquel entón a sobriña de Romay, Carmen Martín de Pozuelo Romay, conseguiu un contrato para elaborar o Plan Estratéxico Tecnolóxico Global da Xunta. Pero a contratación desta empresa por parte do Goberno galego seguiu meses despois, con máis de 800.000 euros en outubro e máis casos ao longo do ano, onde a empresa gañou malia que a súa oferta se situaba entre as máis caras.
 
CON FINANCIAMENTO EUROPEO
 
Nesta ocasión o contrato adxudicado a Atos Origin supón ocuparse de manter o sistema de xestión do persoal da Xunta, e está financiado por fondos europeos, ata un 80% co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e nun 20% co Fondo de Compensación Interterritorial (FCI). A duración é de ano e medio, 18 meses, a contar dende a sinatura do mesmo que foi o 18 de agosto.
 
A cambio de máis de 800.000 euros, a empresa encargarase do mantemento, soporte técnico e asesoramento funcional do sistema, que inclúe o Rexistro Central de Persoal, con toda a información do expediente dixital laboral do empregado público; os procesos selectivos da Administración pública, dende a convocatoria ata a súa resolución; os concursos de traslados, incluída a web de presentación de solicitudes e xestión de listas ou o módulo de asignación de postos; as listas de vinculación temporal, tanto as funcións para o aspirante como a xestión das mesmas; e o Fondo de Acción Social, de carácter anual e que está asociado a diversas axudas que a Xunta distribúe entre o seu persoal. O sistema tamén inclúe os expedientes administrativos de xestión de persoal, de altos cargos e de eventuais, así como de relación de postos de traballo, ou de tomas de posesión, ausencias e baixas laborais, entre outras cuestións.
 
CONTROL HORARIO
 
Á parte de manter este sistema de xeito evolutivo e correctivo, é dicir atender as peticións de mellora e incorporar os cambios necesarios Atos Origin dará soporte técnico, o que supón ter habilitado un servizo de atención telefónica para solucionar as incidencias comunicadas, que estará operativo de luns a venres entre as 8 ye as 20 horas. Ademais, dará asesoramento funcional e técnico e desenvolverá novas funcionalidades, algunhas cuxa necesidade xa está identificada como a xestión das solicitudes e permisos de vacacións, a integración co sistema de control horario dos traballadores públicos e co Portal do empregado público, así como consolidar o expediente dixital do persoal da Xunta.
 
En canto ao desenvolvemento destas actividades, o contrato deixa claro que a empresa non ten por que traballar fóra da Xunta, xa que "deberá facer a instalación do sistema nas instalacións da Secretaría xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica nos contornos que así se determinen" e tamén se encargará de formar ao equipo técnico deste departamento. O equipo de traballo deberá estar composto, como mínimo, por un xefe de proxecto, dous analistas funcionais, e tres técnicos de soporte.
 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript