setembro de 2011
 
 

12/09/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Galicia, a cuarta comunidade con peores servizos sanitario

Galicia é a cuarta comunidade autónoma con peores servizos sanitarios, ao obter unha puntuación de 38 puntos de 74 posíbeis, só superior á valoración de Madrid (37); Canarias (34) e a Comunidade Valenciana (29), segundo un estudo realizado pola Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP).

 

  • Noticias relacionadas

 

As comunidades que mellor resultados obtiveron deste estudo foron Navarra con 63 puntos de 74 posíbeis, Asturias e Castela e Leon con 54 e Aragón con 53. Todas elas superaron a barreira do 75 por cento do computo global posíbel. Séguenlle País Vasco (52); Castela A Mancha (50); Cantabria (48); A Rioxa e Estremadura (46) e Cataluña (45).
 
Tras elas Baleares (43); Andalucía (42) e Murcia con 41. En último lugar Galicia (38); Madrid (37); Canarias (34) e Comunidade Valenciana (29).
 
Como explica o portavoz de FADSP, Marciano Sánchez Bayle, "estas diferenzas están baseadas nos orzamentos aprobados por cada comunidade, xa que o actual sistema de financiamento basea o seu sistema nun modelo no que se transfire de forma global toda a contía correspondente ás competencias transferida, e son as comunidades autónomas as que deciden a contía que dedican a cada unha desa competencia".
 
Diferéncialas ente as distintas comunidades débense á distinta valoración dada polos cidadáns. Entre as que mellor puntuación obtiveron atópanse Navarra con 1.528 euros per capita e Asturias con 1.495 euros. Como indica o portavoz "estes datos son relativos, xa que son os cidadáns os que dan a súa valoración persoal, por iso Castela e Leon que conta con 1.283 euros per capita é valorada de forma moi positiva sendo o seu gasto sanitario moi similar a Galicia (1.266) que obtivo unha puntuación das puntuacións máis baixas".
 
Desde FADPS tamén sinalaron o caso da Comunidade Valenciana que ocupou durante todos os estudos a última posición, fóra dun ano que obtivo a penúltima, en canto á valoración do seu sistema sanitario. Sánchez Bayle indicou que "este problema xorde porque as comunidades autónomas dedican os fondos sanitarios á realización doutros fins, causa do actual sistema sanitario que permite esta distribución".
 
Desde a federación tamén destacaron o caso da mala xestión da Comunidade de Madrid nas construcións das súas infraestruturas sanitarias. Sánchez Bayle destaca que, "o actual sistema de privatización da sanidade, multiplicou por sete o custo total dos novos hospitais madrileños".
 
O estudo, realizado anualmente desde 2004, analizou diversos criterios divididos en cinco bloques: financiamento (gasto per capita, número de camas por habitante, cartóns sanitarios individuais...); política farmacéutica (gasto farmacéutico, porcentaxe en xenéricos...); valoración dos cidadáns, (satisfacción persoal, valoración global, erro global... ).
 
Ademais, o estudo observa as listas de espera (porcentaxe de cidadáns que recibiu cita en 15 días, opinión dos cidadáns, e o Barometro Sanitario 2010) e a privatización sanitaria (privatización de servizos e dedicación en exclusiva aos profesionais do sistema).
 
Os resultados foron obtidos tendo en conta os cuartiles de cada unha das variábeis, atribuíndo puntuacións positivas (de 4 a 1) en determinadas variábeis estudadas e negativas (de 1 a 4) nos restantes. Ademais sumouse un punto a aquelas CCAA que carecen de fenómenos de privatización e outro a aquelas nas que existe dedicación en exclusiva dos profesionais.
 
Como apunta Sánchez Bayle, "é normal que existan diferenzas nas comunidades autónomas polas características xeográficas e demográficas existentes. Ademais nos últimos meses está a recortar considerabelmente o gasto farmacéutico, o que propicia que estas diferenzas se acentúen máis e que nunhas comunidades descenda o gasto máis que noutras".
 
"A sanidade española é un bo sistema que dedicando menos fondos que outros países europeos obtén mellor calidade nos servizos prestados. Non deben recortarse gastos senón aumentar a eficiencia do sistema", engade Sanchez Bayle.

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript