12/09/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Estanse a rifar novas medidas?
Non sei vostedes, pero eu os días que hai Consello de Ministros amenzo dos nervios. Pásame toda a mañá pendente da radio e os diarios dixitais, ata que chegan noticias dende Moncloa, e entón respiro aliviado.
E é que, co acelerón reformista que vivimos,
cada vez que se reúne o presidente cos seus
ministros me espero outro susto. Onte saímos vivos,
pero só por unha semana.
Se en agosto acordaron unha reforma constitucional,
e aprobaron estender os contratos de formación ata
os 30 e encadear temporais, quen me di que no
próximo Consello non nos dean outra sorpresa. O
ritmo con que se sucederon recortes e reformas
invita a temelo. E tampouco tranquiliza pensar que
estamos nas súas últimas horas, pois está
comprobado que nesta lexislatura ata o rabo todo é
BOE, e Europa segue apertando para que aplaquemos
aos inaplacables mercados.
Hai uns días, en Turquía, preguntáronlle a Zapatero
se habería novas medidas, e non dixo nin que si nin
que non, senón que de habelas, as explicaría en
España e non de viaxe. Así que onte estaba eu coa
tensión alta, por se nos caía un premio, visto que
algúns analistas coinciden en que se está a rifar
outra reforma antes das eleccións. O ministro
Blanco dixo onte que "a día de hoxe" non hai
previstas novas medidas, pero visto o visto, eu
tómoo ao pé da letra: a día de hoxe non, mañá xa
veremos.
Algúns comentan que o próximo podería ser unha
reforma fiscal, e din que hai ministros premendo
para aprobar algo que poida chamarse "imposto aos
ricos", recuperando o de patrimonio, aumentando a
fiscalidade ou creando unha nova taxa.
Pero tampouco iso me tranquiliza, máis ben o
contrario: con tanto falar dos impostos aos ricos,
dáme no nariz que se esta vez os ricos levan tamén
papeletas para a rifa, á hora da verdade se levarán
como moito un peluche, e o premio gordo nos volverá
caer a estes. É dicir, que a suba fiscal aos que
máis teñen podería incluír no mesmo paquete medidas
para os traballadores, de modo que o imposto aos
ricos sexa a pastillita coa que tragar outra
indixesta reforma. Porque supoño que os mercados
non se quedarían moi tranquilos se só apertan aos
ricos, senón que esixirán unha repartición da dor.
E xa saben quen ten sempre máis papeletas nese
sorteo.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript