05/09/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Máis colaboracións.
A hipocrisía dos políticos
A hipocrisía e a demagoxia na política son xa habituais,
pero o que se pode ver ultimamente é para botarse a chorar.
Nesta liña, Cospedal di que, si se lle aumentan os impostos
a aqueles que teñen rendas moi altas, subirá o paro. Ou
sexa, que se pagan máis os que teñen moito máis diñeiro que
a media da cidadanía e só dedican á súa subsistencia unha
parte moi pequena deste, haberá máis desemprego? E botar á
rúa miles de profesores interinos, acaso non incrementa a
cifra de parados?
Agora o Goberno di que xa non queda tempo para recuperar o
Imposto sobre o Patrimonio porque a lexislatura se remata.
Que non queda tempo?, pero se reformaron a Constitución en
dous días!
E non podía faltar Desesperanza Aguirre, que di que os do
15-M queren "privatizar" a Porta do Sol. Privatizar? Quen é
a que está a privatizar a sanidade de Madrid a marchas
forzadas?
Fraude fiscal e economía somerxida
En tempos de crise a fraude fiscal, á parte de
ser unha terrible inxustiza social, é un
elemento que contribúe enormemente á derruba
colectiva das sociedades democráticas. Con todo
iso, non pode ser que o estado lidere este
cancro no ámbito da Unión Europea. É
intolerable que nun país que se define como
moderno, democrático e civilizado, o diñeiro
non declarado polos contribuíntes supere os
88.000 millóns de euros, dez puntos por enriba
da media Europa e triplicando as cifras de
Francia e Alemaña.
Ante este panorama fai falta moita vontade
política para endereitar a credibilidade. É
urxente unha análise e unha avaliación oficial
da economía mergullada e da fraude laboral. É
preciso dicir claramente a toda a sociedade que
a fraude fiscal é un dos máximos responsables
de que neste país teñamos un Estado do benestar
de mínimos, o cal provoca unha perda moi
importante na calidade de vida dos cidadáns con
menos recursos económicos (que son a maioría).
Paraísos fiscais e os controis na crise
Considérase paraíso fiscal a todo territorio no
que non se aplique un imposto idéntico ou
análogo ao Imposto sobre a Renda das Persoas
Físicas, ao Imposto sobre Sociedades ou ao
Imposto sobre a Renda de non Residentes,
segundo corresponda. Xunto aos paraísos,
existen tamén os territorios de baixa
tributación, que posúen réximes fiscais
preferenciais ou de privilexio nos que a
tributación real e a opacidade fiscal son
similares á dos paraísos. O GR-8 atense a unha
lista oficial de 42 oasis fiscais, a OCDE fala
de 47; o Goberno español ten identificados 46.
Os especialistas fiscais identifican polo menos
70 unidades políticas que viven primordialmente
de atraer diñeiro e capital estranxeiro e
prestarlle refuxio.
Os paraísos fiscais coñeceron un
desenvolvemento espectacular a partir dos anos
setenta, formándose na periferia dos países
industrializados de EUA, Europa e Asia,
aproximadamente a metade deles baixo bandeira
británica. Máis dun quinto (23%) de todos os
depósitos bancarios do mundo se acha nos
paraísos fiscais. O GR-20 introduciu os
paraísos fiscais na súa axenda (Londres
02-04-09), intentando limitar as "prácticas non
cooperativas" de determinados países. Non se
trataba de pedir contas sobre os abusos
cometidos e xa capitalizados nos paraísos
fiscais, senón de poñer certos límites para que
tal capitalización se leve a cabo
ordenadamente, porque esa é en realidade a nova
solución máxica: as compras duns por outros e
as fusións das entidades financeiras para
aumentar o seu tamaño e capacidade de
influencia, é dicir, a súa capacidade para
eludir os controis públicos e democráticos, non
só nos paraísos fiscais.
O futuro próximo, os impostos á carta
Agora púxose de moda que os ricos-ricos pidan
que lles suban os impostos, os simplemente
ricos din coa boca pequena que non lles
importaría pagar un pouco máis, a clase media
alta non quere oír falar de suba de impostos e,
mentres tanto, a clase media baixa, os pobres e
os máis necesitados non din nada, xa que eles
son os que o están a sufrir.
Eu pensaba que nas democracias modernas era o
Estado o que se encargaba de fixar os impostos
para que existise unha carga fiscal xusta e
equitativa, pero decátome de que ao que imos
son a ter impostos á carta.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript