Comunicado 11 de outubro de 2009
 
 

11/10/2009

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE/UNIVERSIDADE

A UDC inicia, este curso, a implantación de numerosos graos (26). Pricipia deste xeito a adaptación da Universidade ao denominado Plan Boloña, pensamos que é o momento de facer unha reflexión ao respecto.

 

Adaptación a Boloña

Sabemos que nesta nosa institución hai tantas visións e proxectos de Universidade como vicerreitorías, sabemos que o equipo de goberno representa un conglomerado de intereses diferentes e, moitas das veces contraditorios. Somos conscientes, tamén, que algunha vez, dentro dese maremágnum de intereses, as posicións mantéñense coa única finalidade de “salvar a cara”.�

 

 

 

 

Parécenos que isto sucedeu coa implantación de Boloña. Algún manifesto difundido mediante a lista de PAS, artigos persoais do Reitor e dalgún Vicerreitor…, semellaba vislumbrarse que a UDC sería unha punta de lanza na oposición á implantación do que se denomina EEES (Espazo Europeo de Educación Superior).

Pero mentres que se facían eses manifestos, eses artigos o que realmente se estaba a preparar era unha modificación do mapa de titulacións para proceder a esa adaptación.

O feito é que a integración consumouse, polo menos dun xeito formal, falta por ver si realmente esa integración se produce.

De momento os primeiros pasos dados no camiño da implantación afectaron, polo xeito como se actuou e pola  improvisación coa que se produciron, directamente ao colectivo de traballadores/as.

A implantación dun servizo telefónico contratado, ao noso entender de xeito irregular, foi o feito máis salientado publicamente, mais debaixo dunha tupida alfombra de silencio pasaron máis cousas

A implantación, a marchas forzadas, das novas titulacións está supoñendo un aumento das cargas de traballo en centros e en diversos servizos da Universidade, sen que haxa un aumento de plantilla como sería necesario, nin un amplo período de formación como sería o requerible.

Os que dirixen a UDC intentan, dun xeito explícito, dar a impresión de que a Universidade ten a obriga de adaptarse a Boloña, entre outras cousas, para non quedar illada na carreira polo achegamento de alumnos á institución académica.

Iso non é de todo certo, non todas as Universidades do estado se meteron nesa carreira contra reloxo. Si ben é certo que as que optaron pola moratoria son unha minoría minoritaria (9 das 75, entre as que se atopan a do País Vasco,  a Politécnica de Madrid, Las Palmas, Granada, Alicante...)  demostran que a pseudoadaptación que se está a facer na nosa Universidade non é o único camiño.

Achegarse ao que explicita Boloña (EEES) non só se fai modificando o mapa de titulacións, hai máis variacións, entre elas cambia o xeito clásico de adquisición de coñecementos, a explicación clásica nas clases presenciais deixa de ser o xeito esencial de impartir a docencia, aumentando a labor de orientación, de titoría, de fomento e valoración do traballo persoal e en equipo dos estudantes. O “xeito de estudar”, estará baseado nun modelo no que o alumno precisará dedicar case todo o día á súa formación.

Está a Universidade da Coruña preparada para esta nova metodoloxía?. O noso sindicato entende que non.

A nova acción formadora non só afecta a PDI e estudantes, afecta a toda a comunidade universitaria.

Precisaranse máis medios materiais e humanos para levar a cabo os novos criterios educativos, haberá, polo tanto, que ampliar plantillas.

A adaptación ao EEES debe supoñer tamén a progresiva homologación das retribucións do persoal de administración e servizos.

Políticas de igualdade na acción social, formativa, carreira profesional…,  entre os diferentes sectores que compoñen a plantilla (PDI-PAS) da universidade.

 Incentivación da xubilación anticipada.

Desenvolvemento de programas de sostenibilidade por parte da universidade.

Desenvolvemento de programas de formación axeitados á nova realidade.

Desenvolvemento de programas de mobilidade para o PAS por parte da universidade

  

Opuxémonos a Boloña, puxémonos á disposición das organizacións  con máis forza representativa para mobilizar a comunidade universitaria contra a súa implantación, unha vez consumada a súa implantación quédanos aproveitar para o PAS todo o que de “positivo” poida ter esa implantación e vixiar, rexeitar e denunciar, o negativo que poidan querer colarnos, sobre todo os intentos de privatización (máis) que poidan aparecer derivados da integración que se nos impuxo.

Seguiremos propugnando a configuración dun sistema de educación superior e de investigación que garanta unha universidade pública, democrática, participativa, plural, aberta, progresista, de calidade e respectuosa coa pluralidade nacional e cultural do Estado.

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript